A Deputación remata os dous primeiros cursos de español gratuítos para inmigrantes nos que participaron preto de 40 persoas en Pontevedra e Vigo

Os cursos comezaron o pasado 20 de maio no Edificio Administrativo e na sede de Vigo da Deputación e neles participaron preto de 40 persoas de Brasil, Estados Unidos, Filipinas, Ghana, Mali, Marrocos, Nixeria, Siria e Ucraína

04/06/2024

A Deputación acaba de rematar os dous primeiros cursos de español gratuítos para inmigrantes nos que participaron preto de 40 persoas en Pontevedra e Vigo. Os cursos, que teñen por obxectivo preparar aos inmigrantes para superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española, comezaron o pasado 20 de maio na aula CEMIT do Edificio Administrativo da Deputación e na sede de Vigo e neles participaron persoas de Brasil, Estados Unidos, Filipinas, Ghana, Mali, Marrocos, Nixeria, Siria e Ucraína. 

O obxectivo da Deputación con estes cursos é facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.  Tralo seu remate, os participantes completarán a súa formación cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro, antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas.

Este ano a Deputación de Pontevedra está a impartir cursos de español gratuítos para un total de 60 persoas inmigrantes, tanto en Vigo como en Pontevedra. Ademais das preto de corenta que xa recibiron formación, outra vintena participará na sede de Vigo entre o próximo luns 10 e mércores 26 de xuño no último dos cursos de español que a institución provincial promove este ano.

No 2023 foron 48 as persoas formadas pola Deputación de Pontevedra, das que 44 se presentaron ao exame e 36 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.

Ligazóns de interese