Luis López anuncia novos pasos do goberno provincial para avanzar no proxecto de modernización do Castelo de Soutomaior cun investimento de 2,5 millóns de euros

Con estes recursos executaranse actuacións de iluminación no Ben de Interese Cultural, así como a mellora da accesibilidade na Torre da Homenaxe e a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual

22/11/2024

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López anunciou en conferencia de prensa que a Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior a través da iluminación, a accesibilidade e as tecnoloxías de realidade virtual. Trátase dun proxecto cun orzamento de 2,5 millóns de euros dos fondos NextGeneration da Unión Europea para continuar avanzando na modernización do Castelo de Soutomaior. “O Castelo de Soutomaior non só é un Ben de Interese Cultural, senón que é un dos recursos turísticos máis importantes desta provincia -asegurou Luis López-. De feito, como ben dixen hai uns días na presentación do plan de acción dos castelos, queremos convertelo nun verdadeiro “bastión” do turismo de calidade, e por iso estamos dedicando recursos e esforzos para poñelo en valor e mantelo en perfecto estado de conservación”.

En concreto, con estes recursos faranse reformas e adecuacións no alumeado co fin de ofrecerlle ás persoas visitantes un espazo de calidade. Ademais, grazas a este fondos mellorarase a accesibilidade na Torre de Homenaxe, substituíndo a actual escaleira de caracol por outra de mellores prestacións que respectará o valor patrimonial da torre e adaptarase á normativa vixente en materia de funcionalidade, seguridade e accesibilidade. Por último, porase en marcha un proxecto que fará uso de tecnoloxías de vangarda e que permitirá realizar, a través de dispositivos móbiles e ordenadores, un percorrido virtual tanto do recinto como dos seus xardíns mediante a realidade virtual e contidos de inmersión.

Videomapping de Nadal

A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou hoxe o expediente para contratar o servizo de proxección do videomapping na Torre do Homenaxe do Castelo de Soutomaior durante a temporada do Nadal, cun orzamento próximo aos 50.000 €. Desta maneira, ponse en marcha de novo o espectáculo de luz e son realizado o pasado ano por vez primeira, e que “resultou –tal e como recordou o presidente provincial- un auténtico éxito entre as máis de 3.000 persoas que se achegaron ao Castelo a desfrutar das actividades que organizamos durante o pasado Nadal”.

videos

audios