O vicepresidente da Deputación de Pontevedra participa na presentación da programación de outubro previa aos Premios Feroz
19/09/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe no Concello de Pontevedra na presentación da programación de outubro previa á Gala dos Premios Feroz, que se celebrará na cidade de Pontevedra o 25 de xaneiro de 2025. Trátase dunha programación que se estenderá ao longo de todo o outono e que traerá a Pontevedra algúns dos principais creadores do cine e das series españolas.
“Este evento non só achegará unha importante visibilidade mediática á cidade, senón que tamén xerará un impacto económico positivo, grazas ao turismo e á atención que atraerá, tanto na cerimonia de entrega dos premios como nas actividades paralelas previas que hoxe presentamos”, asegurou o vicepresidente provincial, que lembrou que esta é unha “cidade de cine”. Neste sentido, quixo mostrar o apoio da Deputación a este tipo de evento: “Continuaremos na mesma liña de sempre, traballando para apoiar e impulsar o talento audiovisual e avanzando para situar a Pontevedra como referente do cinema internacional”.