A única actuación en Galicia do guitarrista experimental Eugene Chadbourne e a exposición de Berta Cáccamo, novidades na programación de abril no Museo de Pontevedra

Ademais de cursos, obradoiros, conferencias e outras actividades para todo tipo de públicos, este mes terá lugar a sétima edición do concerto Gustavo Almeida & Amigos

01/04/2024

A programación do mes de abril no Museo de Pontevedra incorpora dúas novas citas musicais: Gustavo Almeida, músico brasileiro afincado en Pontevedra, que actuará o martes 23 nun concerto especial acompañado de amigos coma Felipe Gonçalves e Nathy Faria; e o sábado 27, a xira europea do guitarrista experimental estadounidense Eugene Chadbourne fará no Museo a súa única parada en Galicia.

Eugene Chadbourne é un referente internacional do free jazz, a improvisación e a música alternativa. Nacido en Mount Vernon, Nova York, en 1954, está en activo desde mediados dos anos 70 como guitarrista e banxista, publicou máis de 150 discos en solitario desde 1975 ata hoxe e colaborou con músicas, músicos e grupos da altura de John Zorn, Camper Van Beethoven, Jello Biafra, Turbonegro, They Might Be Giants ou Violent Femmes, entre moitos outros.

Este 2024 chega aos 70 anos de idade e celébrao cunha xira por Europa na que está acompañado do percusionista alemán Schroeder. Xuntos abordan un achegamento crítico, non convencional e vangardista ás músicas de raíz popular norteamericana desde unha perspectiva experimental e heterodoxa. O concerto terá lugar o sábado 27 de abril, ás 19 horas, no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

Na mesma semana, o martes 23, o Museo acollerá a sétima edición do concerto Gustavo Almeida & Amigos, no que se mesturarán música e poesía. O cantante e compositor brasileiro estará acompañado no escenario da súa banda; do portugués Filipe Gonçalves e dos brasileiros Nathy Faria e Rodrigo Almeida, pola parte musical; e das escritoras Vicky Estévez e Elisabeth Oliveira, pola parte poética.

Gustavo Almeida (Rio de Xaneiro, 1978) atesoura unha longa traxectoria na que se se mestura a súa infancia e adolescencia no Brasil coa súa madurez en Europa, onde chegou aos 18 anos para xogar ao fútbol de maneira profesional. Pero desde que unha lesión o apartou dos terreos de xogo, centrouse na súa outra vocación, herdada da súa nai, a recoñecida cantante brasileira Ellen de Lima. Almeida reside en Pontevedra e é autor de cinco discos, nos que compón e interpreta en castelán, portugués e galego.

No concerto estará acompañado de Filipe Gonçalves, natural das Açores, que acaba de ser finalista no Festival da Canção de Portugal e de editar o disco Liberdade de expressão. Participou no último single de Gustavo Almeida, Quem. Tamén o acompañará Nathy Faria, nacida en Minas Gerais e comparada polos medios brasileiros con Marisa Monte pola dozura e o particular timbre da súa voz. Finalmente, o cantante, actor e bailarín Rodrigo Almeida, irmán de Gustavo, completa a lista de colaboracións musicais do concerto. Ambos gravaron xuntos hai un ano o videoclip O céu sempre se abre.

A parte poética da actuación correrá a cargo de Vicky Estévez e Elisabeth Oliveira. Estévez é directora de teatro e escritora e acaba de publicar o libro Cartas de amor a un hijo que no me ama. Foi a encargada de dirixir o videoclip do single Qué pena, de Gustavo Almeida. Oliveira é unha escritora e profesora francoportuguesa, autora de Poesis, un traballo poético-musical en catro linguas (portugués, francés, galego e castelán) do que Gustavo Almeida musicou tres poemas. O concerto será o martes 23 de abril, ás 19 horas, no auditorio do Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

Exposicións con Berta Cáccamo e Castelao

A programación do mes no Museo inclúe exposicións e diversas actividades para todo tipo de públicos. O venres 12 de abril inaugúrase a mostra Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, que se estenderá ata o 9 de xuño. Comisariada por Juan de Nieves, recolle as aparicións, diseccións e bosquexos da pintura de Berta Cáccamo nos seus múltiples rexistros de arquivo. Este proxecto supón tamén o traslado definitivo ao Museo de Pontevedra do groso do arquivo da pintora viguesa, falecida en 2018.

Ademais, este xoves comezan as visitas guiadas á exposición “Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías”, que terán lugar todos os xoves ás 18 horas. A mostra, con Xosé Enrique Acuña como comisario, conmemora o 40.º aniversario da chegada desde Arxentina dos restos mortais de Castelao, e faino recuperando a reportaxe fotográfica que fixo Xan Carballa sobre ese momento histórico.

De Castelao a Asorey

A programación do mes arranca hoxe mesmo coa edición para público adulto do obradoiro Castelao e o Linogravado, no que ao longo de catro tardes introdúceselles ás persoas participantes esta técnica de gravado. Tamén para público adulto continúa o curso de arte e indumentaria Tirando do Fío, que se desenvolve os mércores e rematará o próximo día 17.

Por outra banda, este domingo 7 de abril, ás 12 horas, Polo Correo do Vento vai ofrecer unha sesión de contacontos ilustrado cunha versión libre do conto de Castelao O negro Panchito. Aemais, o próximo martes día 9, ás 19 horas, o Conservatorio de Música Superior Manuel Quiroga ofrecerá Cordas no Museo, un recital do alumnado de corda.

Por último, ademais do simposio Antonio Palacios. Obra e Legado, que terá lugar do xoves ao sábado desta semana, o Museo ten programada unha conferencia arredor da figura de Francisco Asorey, figura destacada da arte galega do século XX á que se lle dedica este ano o Día das Artes Galegas. A historiadora Maribel Iglesias Baldonedo pronunciará o xoves 18 de abril a conferencia “A obra de Francisco Asorey no Museo e a cidade de Pontevedra”.