Luisa Sánchez participa na presentación do XXVI Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo

01/08/2024

Presentación do XXVI Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves no Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo na presentación do XXVI Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo, que se celebrará a partir do 18 de agosto co apoio da institución provincial. A vicepresidenta sinalou que este torneo é "un emblema de talento, de esforzo e de afán de superación" que demostra que "en Vigo e na provincia de Pontevedra témolo todo para nos converter no grande estadio deportivo do mundo" da man do "compromiso do persoal do Círculo, que se involucra e dáo todo de si mesmo organizando eventos de primeirísimo nivel".

Luisa Sánchez puxo en valor que "na provincia temos moitos motivos para estar felices en relación ao tenis e o deporte feminino en xeral", e destacou tanto as deportistas que están no mapa como o número de licenzas á alza para reivindicar que "as mulleres gañamos a pulso ter un espazo no deporte que sexa coñecido e recoñecido polo conxunto da sociedade", tamén co gallo de que "as novas xeracións poidan medrar con referentes femininos no deporte que non sexan excepcións, senón a norma". A vicepresidenta provincial tamén desexou sorte aos equipos de tenis feminino alevín e infantil do Círculo Mercantil de Vigo, que disputarán a próxima semana a fase final do Campionato de España de Tenis.

Galerias de imaxes