Luis López destaca a importancia de produtos innovadores como Tintilán, o bus turístico do Salnés, para enriquecer e diversificar a oferta das Rías Baixas para os visitantes

O presidente provincial participa en Sanxenxo xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación dun proxecto piloto que se estreará este verán na comarca do Salnés cunha ruta circular de 100 quilómetros con paradas en puntos de interese

25/06/2024

Presentación do Tintilán, o bus turístico do Salnés

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia de produtos turísticos innovadores como o proxecto Tintilán, o primeiro bus turístico do Salnés que se presentou este martes no Real Club Náutico de Sanxenxo, como unha ferramenta para enriquecer, diversificar a oferta e captar o interese de máis visitantes para o destino Rías Baixas. "Na provincia de Pontevedra non nos conformamos con ser o destino con máis selos de calidade SICTED do país nin con acaparar portadas, premios e miradas a nivel nacional e internacional. Temos un compromiso firme por seguir construíndo un destino turístico máis forte e a proba témola aquí coa presentación de Tintilán, o primeiro bus turístico da comarca do Salnés, que é a mostra das enormes posibilidades de crecemento e diversificación que temos", declarou o presidente durante a presentación do proxecto, no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O proxecto Tintilán trátase dun programa piloto que se porá en marcha este verán na comarca do Salnés. Baséase nun autobús turístico que percorrerá unha ruta circular de 100 quilómetros por esta comarca con capacidade para 60 persoas, que poderán subir e baixar do mesmo en calquera das paradas programadas, o que favorecerá as visitas a distintos concellos e puntos de interese turístico da comarca. "Este bus é unha boa nova porque significa que o destino turístico avanza coa oferta de novos produtos, porque posiciona ao Salnés como a locomotora dun tren turístico que vai pola vía da calidade, a innovación e a sustentabilidade e porque reflexa que a colaboración con emprendedores fai que a provincia vaia a máis", resaltou Luis López.

Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu que ese obxectivo de ofrecer novas e interesantes propostas aos turistas que visitan a provincia é algo que a Deputación tamén comparte. "Que vivimos nun paraíso xa non é ningún segredo", puntualizou López antes de reafirmar a aposta provincial por un turismo de calidade, sustentable diverso e desestacionalizado. "Desde Turismo Rías Baixas estamos a elaborar unha nova estratexia para que o turismo siga sendo fonte de riqueza. Unha estratexia que pasa pola escoita e colaboración co sector turístico, que é sinónimo de calidade, profesionalidade e sustentabilidade; que busca a diversificación da nosa oferta, por exemplo con proxectos como Tintilán ou outros como Praias Infinitas, para aproveitar a nosa riqueza natural ao longo de todo o ano; e que persegue a desestacionalización cunha aposta firme polo turismo deportivo". Neste punto, lembrou o presidente a aprobación dunha liña de apoios para organizar eventos deportivos de repercusión nacional e internacional dotada con 100.000 €.

Despois de agradecer aos promotores do proxecto, Beatriz Casado e Antonio Luaña, a súa iniciativa e subliñar a importancia da cooperación con institucións como a Xunta de Galicia; o presidente provincial salientou o papel da comarca do Salnés e de Sanxenxo como referencia para o turismo na provincia. Un sector que é o motor que tira da nosa economía e do emprego, o vehículo que proxecta a nosa imaxe por todo o mundo e o camiño que nos leva cara unha provincia máis moderna, forte e competitiva", concluíu Luis López.

Galerias de imaxes