Luisa Sánchez pon en valor a aposta da Deputación polo deporte e os grandes eventos na presentación da VIII Epic Race Pontevedra

A grande cita galega coa ultrarresistencia en bicicleta de montaña terá lugar os próximos 8 e 9 de xuño e contará coa participación de máis de 200 persoas

03/06/2024

presentacion da VIII Epic Race Pontevedra

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, presentou hoxe no Pazo provincial a oitava edición da Epic Race Pontevedra, “unha proba única en Galicia e case a nivel nacional” que chega este ano cunha novidade: a incorporación dunha nova distancia de 100 quilómetros, que se une ás xa habituais de 200 e 300 km.

A cita, que terá lugar os días 8 e 9 de xuño, contará coa participación de máis de 200 persoas chegadas desde diferentes puntos da península ibérica, que participarán no que a vicepresidenta definiu como “todo un reto que pon a proba o mellor de cada ciclista, mentres o premia cunha experiencia inolvidable a través do paraíso que regalan as Rías Baixas e os seus montes”. Ao longo de tres, cinco ou sete etapas, segundo a distancia escollida, pasarán por lugares como a enseada de San Simón, o miradoiro da Fracha, as termas de Caldas, os moliños de Meaño ou os viñedos de Meis. “Son moitos, ademais, os concellos da provincia que se benefician desta proba. É unha oportunidade única de poñer en valor todo o que teñen que ofrecer e vertebrar a provincia”, asegurou Luisa Sánchez, ao tempo que destacou que esta é “unha experiencia 100% Rías Baixas que une mar e montaña”.

A vicepresidenta provincial, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; do organizador da Epic Race, Josevi Cimadevila; os concelleiros de Deportes de Caldas de Reis, Poio, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e membros de Protección Civil Pontevedra, quixo poñer en valor a aposta da Deputación “polo deporte e polos grandes eventos”. “Non podemos deixar de apoiar probas como esta, que poñen en valor todo o territorio”, confirmou, lembrando que un dos obxectivos prioritarios do goberno provincial “é que a provincia se converta na cara visible de grandes eventos deportivos e que poidan chegar a todos os concellos da provincia, aos 61, sen importar o seu tamaño ou localización, porque todos teñen moito que ofrecer”.

En canto á competición, a máis curta, de 100 quilómetros e 2.500 metros de acumulado positivo, ten un límite de 9 horas para completala e está composta de tres etapas (Pontevedra – El Tablero, no Monte da Fracha; El Tablero -  Moaña, e Moaña – Pontevedra). Pola súa banda, a de 200 quilómetros, con aproximadamente 4.500 metros de desnivel ten un límite de 16 horas e está dividida en cinco etapas: Pontevedra  - Poio, Poio – Vilagarcía, Vilagarcía – Caldas de Reis, Caldas – Caldas, e Caldas – Pontevedra. Xa para rematar, a de 300 quilómetros, con 7.500 metros de desnivel positivo acumulado e un máximo de 28 horas para completala. Neste caso, son sete as etapas: as catro primeiras as mesmas que na de 200 km, a quinta de Caldas ao Monte da Fracha, a sexta entre A Fracha e Moaña, e a última de Moaña a Pontevedra.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.