A Deputación premiará por vez primeira os mellores proxectos da provincia a favor da igualdade de xénero e contra a violencia machista
Os I Premios Boas Prácticas en Igualdade repartirán 16.000 euros entre catro categorías, e o prazo para presentar candidaturas estará aberto entre este martes, 4 de xuño, e o 3 de xullo
02/06/2024
A Deputación de Pontevedra abre este martes, 4 de xuño, o prazo para presentar candidaturas para optar aos Premios de Boas Prácticas en Igualdade, cos que busca distinguir a persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen como boas prácticas en igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. Estes galardóns repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social, que poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 3 de xullo.
En concreto, premiaranse entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen actividades ou proxectos sobre a igualdade de xénero ou a erradicación da violencia de xénero; a persoas físicas ou entidades culturais sen ánimo de lucro pola súa actividade a través de actuacións artísticas, teatrais, musicais, literarias para a consecución da igualdade de oportunidades de mulleres e homes; a persoas físicas ou entidades deportivas que fomenten a práctica deportiva en condicións de igualdade entre nenas e nenos ou entre persoas adultas, para romper cos estereotipos de xénero existentes e contribuír a erradicar a violencia de xénero no deporte, e a centros públicos de educación que teña incorporado no seu proxecto educativo a igualdade de oportunidades ou asociacións de pais e nais de alumnado que realice nos centros educativos actuacións dirixidas tanto ao alumnado coma ao profesorado e ás familias, co fin de fomentar a igualdade de xénero.
A persoa gañadora de cada categoría recibirá unha gratificación de 3.000 euros e concederase tamén un accésit en cada unha delas dotado con 1.000 euros. Do mesmo xeito, o xurado do certame reserva a posibilidade de realizar dúas mencións honoríficas, sen contía económica, para recoñecer a traxectoria inapelable a prol da igualdade de persoas e entidades da provincia de Pontevedra.
Poderán concorrer a estes premios as persoas físicas, entidades, centros educativos e asociacións de nais e pais de alumnado da provincia de Pontevedra e as candidaturas deben presentarse a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra entre o martes 4 de xuño e o 3 de xullo. As bases dos galardóns, que recollen máis polo miúdo os requisitos, documentación precisa e outros detalles, publicaranse este luns no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).