O ciclo O Son do Piano achega ao Museo tres concertos acústicos de Crúas, Cuarteto Vagalume e Manuel Morales e Raúl Rodríguez
As tres actuacións, co piano de cola do Museo de Pontevedra como eixe, desenvolveranse os días 5, 8 e 12 de marzo, ás 19:00 horas
02/03/2024
O piano de cola do Museo de Pontevedra é xa un elemento icónico do Edificio Castelao. Arredor deste instrumento de presenza magnética organízase este mes un ciclo de tres concertos en formato acústico. O Son do Piano achegará as sonoridades íntimas do dúo Crúas o martes 5 de marzo, o redescubrimento de mulleres compositoras do cuarteto de cordas Vagalume o venres 8, e a simbiose de frauta e piano a cargo de Manuel Morales e Raúl Rodríguez o martes 12 de marzo. Todos os concertos terán lugar ás 19:00 horas no Edificio Castelao e serán de acceso libre.
O ciclo arranca este martes 5 de marzo coa actuación de Crúas. É un dúo de piano e voz que adapta a palabra de poetas galegas. Así describen a súa proposta: "Do traballo meticuloso de composición e arranxo agroma unha música das entrañas, dos adentros, íntima e delicada, que non se deixa clasificar en xéneros, que arrola oíntes atentos, que cura feridas abertas, que aperta almas crúas".
O dúo fórmano Alba Ermida Area e Iria San Marcial. Alba Ermida é cantante e clarinetista. Formou parte do dúo Bardo Enxebre e fixo música en vivo para varias compañías de teatro. Do seu paso por Bos Aires recolleu outras formas de música que agora plasma nas súas novas composicións. Iria San Marcial rematou a súa formación clásica cun máster en interpretación de piano e agora estuda jazz no SPJ e investiga sonoridades electrónicas noutros proxectos persoais, acompañada de voz e saxofón.
8 de marzo, unha viaxe pola música en feminino
O venres 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o Cuarteto Vagalume presentará o espectáculo Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino. Con formato de concerto didáctico, trátase dun percorrido pola música de compositoras de diferentes estilos e épocas que comeza coas melodías clásicas e elegantes de Maddalena Lombardini e remata con dúas novas promesas da escena contemporánea galega, as compositoras Irene G. Magaña e Alicia García Tojeiro.
O Cuarteto Vagalume está composto por catro intérpretes da provincia de Pontevedra con formación en diferentes conservatorios superiores e cunha ampla experiencia concertística en agrupacións camerísticas e de gran formato. Son Sabela Senn Loyoza (Pontevedra, 1992) e Vania Collazo Pequeño (Vigo, 1990) ao violín, Irene Portela (Pontevedra, 1998) á viola e Rubén Canedo Silva (Berna, 1999) ao violonchelo.
O cuarteto pon o foco na música de arraigamento coa intención de achegala a todo o público. É o caso do concerto que presentan nesta ocasión, no que reflexionan sobre a falta de visibilidade coa que se enfrontaron destacadas compositoras ao longo da historia da música clásica. Este esquecemento non é senón o resultado de estruturas sociais profundamente arraigadas que marxinaron as contribucións das mulleres na composición musical.
12 de marzo, frauta e piano
O ciclo pecha o martes 12 de marzo cun terceiro concerto, protagonizado polo frautista Manuel Morales e o pianista Raúl Rodríguez. Xuntos presentarán o espectáculo ...Música, onte-hoxe..., unha perspectiva da música que une compositores de distintos períodos. Se os instrumentos musicais son a consecuencia dunha progresiva transformación lóxica, a frauta e o piano son o medio que conecta neste recital obras de tan diversos estilos.
Manuel Morales é graduado polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid cunha mención de hora fin de carreira e no Real Conservatorio Superior de Música da Haia (Holanda) en frauta travesa e traverso barroco. Premiado no Concurso Internacional de Música de Cámara Guadamora en Pozoblanco (Córdoba) e na prestixiosa Concurso de Artistas de Frauta Barroca en Dallas (EUA). É doutor en Música (Performance) pola Universidade de Aveiro (Portugal) e catedrático no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Raúl Rodríguez compaxina o seu labor de intérprete coa docencia na academia Bambera de Vigo. No seu repertorio mostra interese pola cultura musical galega. No ano 2021 recibe o Premio Extraordinario Fin de Grao Superior, outórganlle o primeiro premio do VII Concurso de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Vigo e o terceiro premio do VI Concurso de Solistas do CSM de Vigo.