A Deputación expón na IV Convención anual de Turespaña o éxito da estratexia turística de Rías Baixas que permite ser un dos destinos líderes en España

A deputada de Turismo, Nava Castro, participou nunha mesa de debate xunto co presidente de Segittur, Enrique Martínez, a deputada de Turismo de Cáceres, Elisabeth Martín, o vicepresidente da comisión Smart Cities de AMETIC, John Mora, e o concelleiro de Turismo de Santander, Francisco Arias

03/10/2024

Nava Castro en Turespaña 2024

A Deputación de Pontevedra acaba de participar en Tenerife na IV Convención anual de Turespaña que se celebrou en Arona. No encontro, a deputada provincial Nava Castro, expuxo as estratexias turísticas de Rías Baixas para acadar unha posición de referencia a nivel nacional nunha mesa de debate na que tamén participou o presidente de Segittur, Enrique Martínez, a deputada de Turismo da Deputación de Cáceres, Elisabeth Martín, o vicepresidente da comisión Smart Cities de AMETIC, John Mora, e o concelleiro de Turismo de Santander, Francisco Arias.

“No marco da Estratexia Rías Baias 61 temos apostado pola innovación do destino mediante o reforzo da formación en competencias dixitais ou a aplicación de modelos de intelixencia artificial”, remarcou Castro. Neste eido, a deputada incidiu na importancia da xestión intelixente do destino Rías Baixas para comprender as necesidades dos turistas e as súas preferencias, e, con esta información adaptar, innovar e modernizar as  estratexias turísticas. “Nun mundo cada vez máis dixitalizado, no que os turistas buscan vivir experiencias cada vez máis personalizadas, é preciso contar cunha Plataforma Intelixente de Destinos que permita deseñar estratexias para dar respostas aos turistas do século XXI e converternos, así, en lugares máis competitivos”, asegurou . Ademais, Castro amosou  o seu convencemento de que “o camiño que temos iniciado en canto a modernización, innovación e adaptación das nosas estratexias a ese maior coñecemento que temos dos turistas, grazas á intelixencia turística, tivo moito que ver nos resultados acadados este verán, que nos situaron como o destino turístico líder de Galicia”.

A deputada explicou as innovacións que está a liderar a Deputación de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente, destacando tanto os avances en canto ás ferramentas tecnolóxicas como no fomento da interoperabilidade entre administracións e axentes turísticos. Neste eido recordou a posta en marcha da dixitalización da rede de oficinas Info Rías Baixas, a conversión da oficina principal do Palacete das Mendoza nun moderno welcome center, pero tamén fixo fincapé na xestión dos contidos, nos tótems  e mapa interactivos, na app móbil desenvolvida ou na sinalización turística intelixente.

Ademais, Nava Castro tamén adiantou aspectos nos que xa está a traballar a Deputación para avanzar na modernización do sector turístico provincial. Neste eido recordou a plataforma semántica, o asistente conversacional, a monitorización da calidade do aire e o ruído, a dixitalización dos fluxos para mellorar a atención aos visitantes na rede Info Rías Baixas ou, entre outras moitas iniciativas, a proposta de gamificación do destino. Tamén explicou que está previsto poñer en marcha unha iniciativa centrada na mellora da gobernanza nos concellos da provincia con poboación entre 20.000 e 50.000 habitantes, así como na dixitalización das festas de interese turístico, na creación de miradoiros e paseos virtuais, en solucións de vixilancia do destino e na evolución do asistente conversacional cara unha intelixencia artificial.

“En definitiva –asegurou a deputada provincial- queremos seguir adiante no noso obxectivo de converter a provincia de Pontevedra nun destino turístico máis moderno, innovador, sostible, accesible e intelixente, pero tamén ir un paso máis en canto a xestión turística para dar resposta ás demandas dos turistas e potenciais visitantes e converternos, deste xeito, nun lugar máis competitivo”.

 

Galerias de imaxes