A Deputación leva este sábado ata As Neves a película “¡Salta!” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A proxección cinematográfica poderá verse no Auditorio municipal da vila ás 20:00 horas

13/11/2024

O Auditorio municipal das Neves acolle este sábado 16 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra coa finalidade de achegar as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, que comezará ás 20:00 horas, exhibirase o filme "¡Salta!", dirixido por Olga Osorio.

A película "¡Salta!", ambientada en xullo de 1989, segue a historia de Óscar e Teo, dous irmáns de 13 e 10 anos moi diferentes entre si e que viven nun modesto piso de barrio. Mentres que Teo é futboleiro e un pouco fervellasverzas, Óscar é un sabichón que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. Os dous lidan á súa maneira coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme. A cinta obtivo nove candidaturas aos Premios Mestre Mateo.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais das Neves, ata os concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ribadumia. Ademais de "¡Salta!", tamén haberá proxeccións de "O Corno", "Matria", "Fatum", "A viaxe de Lucy", "Chichi e mais eu", "Emoción, vida e teatro, a nave das Marías" e "Os espazos en branco".

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.