Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana 1,5 millóns de euros para impulsar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar oito persoas en nove concellos

Os novos recursos beneficiarán os concellos da Cañiza, Cangas, Marín, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa

19/04/2024

Luis López recorreo o CAAN acompañado do presidente da Xunta de Galicia

A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno destinar 1,5 millóns de euros para que nove concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten oito persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos A Cañiza, Cangas, Marín, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o Goberno provincial segue “tendendo pontes cos concellos e avanzando na repartición de fondos do Plan +Provincia: este ano xa aprobamos preto de 18 millóns de euros para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou preto de 1,26 millóns de euros para seis concellos: A Cañiza, Marín, Pontecesures, Redondela e Vilagarcía de Arousa. Desta maneira, A Cañiza contará con 77.081 euros para realizar obras de acondicionamento dun ximnasio no interior do pavillón de deportes e Redondela 315.553 euros para a fase 2 da construción da senda verde na antiga vía férrea. Ademais, Vilagarcía de Arousa disporá de 310.000 euros para investir en dous proxectos: por unha banda, 214.220 euros para a mellora de acceso ao Piñeiro pola rúa Wenceslao Fernández Flórez e, pola outra, 95.787 euros para a ampliación da rede de saneamento e de abastecemento nun tramo do camiño da Regueira en Fontecarmoa.

No caso de Marín e Pontecesures, as obras serán financiadas ao 100 % pola Deputación grazas a outros mecanismos provinciais de financiamento. Desta maneira, o investimento en Marín será de preto de 1,2 millóns de euros para a mellora da mobilidade peonil na EP-1203 O Campo-Pardavila (365.000 euros do Plan +Provincia e 835.000 euros comprometidos a través dun convenio de infraestruturas) e en Pontecesures, de 350.000 euros para o acondicionamento da contorna da estación de tren (case 120.000 euros do Plan +Provincia e o importe restante, 230.000 euros do PON2030).

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 160.000 euros para os concellos de Cangas e Vilanova de Arousa. En concreto, Cangas recibe 90.000 euros para as Festas do Cristo 2024 e Vilanova de Arousa, 71.782 euros, para a Festa do Momo (21.371 euros), Sonatas de verán (21.371 euros) e para a promoción de actos culturais do Concello (296.040 euros).

Por último, ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba esta semana 117.774 euros para que Ribadumia contrate oito persoas traballadoras. En concreto, serán tres peoas ou peóns de obras públicas, dúas mozas ou mozos de recollida do lixo, unha oficiala ou oficial albanel, unha monitora ou monitor de ocio e tempo libre e unha técnica ou técnico de urbanismo.