A Deputación leva este sábado ata Forcarei unha actuación de A Banda da Balbina no marco do programa provincial “+Música”

O concerto financiado pola institución terá lugar o sábado 22 de xuño ás 23:00 horas ao carón do pavillón municipal Paco O Rubio

20/06/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” a actuación musical de A Banda da Balbina que se celebrará este sábado 22 de xuño a partir das 23:00 horas ao carón do pavillón municipal Paco O Rubio de Forcarei. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galegas e a reputación da provincia de Pontevedra como destino cultural.

Alá por maio de 2008 naceu a “Estomballada” e con ela A Banda da Balbina. Esta canción acadou unha amplísima difusión, formando parte tamén do repertorio de Orquestras Galegas. Un ano máis tarde, con “O Fillo do Mar” chegou o primeiro premio da Radio Galega do programa Apolohit. Co empuxón deste premio o grupo comeza a súa andaina dando concertos por toda Galicia. No ano 2016 recibiu o Premio Martín Códax da Música.

A proposta de A Banda da Balbina para Forcarei integra música e letras orixinais, 100% en lingua galega, con ritmos festeiros e unha retranca propia de Galicia. Ademais das súas pezas máis coñecidas, como “Estomballada” ou “Balbina a bailadora”, no concerto interpretarán pezas con letras de Rosalía de Castro ou protagonizadas por personaxes mítico-históricos como a bandoleira “Pepa a Loba”. A súa é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.