A Deputación leva este martes ata A Estrada unha actuación de The Rapants no marco do programa provincial “+Música”
O concerto financiado pola institución terá lugar o vindeiro martes 25 de xuño ás 23:00 horas na Praza do Concello
22/06/2024
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música" a actuación musical de The Rapants que se celebrará este martes 25 de xuño a partir das 23:00 horas na Praza do Concello da Estrada. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galegas e mais a reputación da provincia de Pontevedra como destino cultural.
The Rapants está integrado por Samuel, Matías, Xaquín e Xanma, naturais de Muros. Está considerada unha das bandas galegas do momento, con propostas que van desde o indie, ao pop e o garage, e unha identidade propia, moi marcada, que desborda talento, actitude e diversión sempre ao servizo do público. A finais de xaneiro de 2023 sacaron o seu último traballo, co título "O Corazón coma un after", un LP co que a banda camiña cara o asentamento profesional e a súa aposta por un estilo propio, cargado de rifs de guitarra e sintetizadores.
A proposta de The Rapants para A Estrada inclúe un concerto de aproximadamente 70 minutos cheos de pop-garage con influencias indie-rock e sons electrónicos. Trátase de música en galego con algún tema en castelán, todos eles de autoría propia. A súa é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.