A Deputación leva este venres á Illa de Arousa o circuíto +Escénicas con “Vía morta”, de Culturactiva Producións

O espectáculo de teatro poderá verse ás 20:30 horas no Auditorio municipal

18/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este venres 20 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello da Illa de Arousa co espectáculo de teatro “Vía morta”, de Culturactiva Producións. A función comezará ás 20:30 horas no Auditorio municipal e é unha das accións do novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Vía morta”, máis que un espectáculo teatral, concíbese como unha experiencia a través do teatro, unha montaxe teatral que pretende traer a realidade dos refuxiados ao público a través dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis. O espectáculo está pensado para un público adulto.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra