A Deputación destina máis de 60.000 euros a 14 estudantes de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa “Erasmus+” 2023
Son alumnos de Cambados, A Illa de Arousa, Tui, Redondela, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, e realizarán estadías de entre tres e seis meses en Portugal, Italia, Malta, Irlanda e República Checa
23/02/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar que se destinen ata 63.177 euros para que 14 graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, de maneira que se facilita a súa inserción laboral. Trátase da primeira mobilidade do programa “Erasmus+” 2023", que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) achega 1,2.
Estes 14 estudantes, que comezarán as súas prácticas europeas no mes de marzo, viaxarán a Portugal, Italia, Malta, Irlanda e a República Checa para completar a súa formación, en estadías que terán unha duración de entre tres e seis meses. Como explicou o presidente provincial, Luis López, “as axudas varian en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde algo máis de 3.500 euros ata preto de 8.000”. En concreto, trátase de cinco alumnos do IES Francisco Asorey de Cambados, tres do IGAFA na Illa de Arousa, dous do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, un do IES Pedro Floriani de Redondela, dous do IES A Xunqueira I de Pontevedra e un do IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de FP de xestión administrativa, operacións subacuáticas e hiperbáricas, cultivos acuícolas, actividades comerciais, operacións de laboratorio e sistemas microinformáticos e redes.
Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionarlles apoio económico para facerlles fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas, que buscan facilitarlles a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, o que mellorará as súas expectativas.