A Deputación leva este sábado a Cuntis o novo programa +Convivir, dirixido ao movemento veciñal da provincia

A de Cuntis trátase da terceira xornada deste programa de convivencia, trala celebrada o 13 de setembro na explanada da Seca de Poio e o 28 de setembro en Cambados, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita

24/10/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado a Cuntis o  novo programa +Convivir. A carpa do balneario da vila será o escenario onde se celebrará esta xornada lúdica e formativa dirixida ao movemento veciñal para pór en valor como “xuntos e entre todos” se constrúe a provincia. A de Cuntis trátase da terceira parada de +Convivir, tralas xuntanzas celebrada o pasado 13 de setembro na explanada da Seca de Poio e o 28 de setembro en Cambados, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita.

A xornada de +Convivir en Cuntis comezará ás 16:30 horas coas intervencións do presidente da Deputación, Luis López, e da deputada provincial Isabel Couselo. A continuación terá lugar unha charla formativa de AFASAL, un obradoiro de risoterapia e saúde mental e outro de traballo funcional que irá seguido dun viño galego para todos os participantes co que se porá fin á xornada.

+Convivir é un novo programa provincial co que a Deputación de Pontevedra pretende amosar as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais deste en Cuntis, e dos xa celebrados en Cambados e Poio, está confirmada a realización de encontros cos movementos veciñais nos concellos da Estrada, o 9 de novembro; Mos, o 16 de novembro; e Tomiño o 23 de novembro.