A vicepresidenta Luisa Sánchez inaugura a Feira do Libro de Ponteareas situando a provincia como “un territorio cheo de talento literario”

11/07/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta tarde na inauguración da Feira do Libro de Ponteareas onde remarcou que a provincia “é un territorio cheo de talento literario”. Neste ámbito, Sánchez recordou que a provincia conta con escritores “que son sinónimo de calidade e de éxito de vendas inmediato” e tamén o papel do sector cultural e en concreto, do libro, “que no 2023 rexistrou unha cifra histórica de facturación”.

Tamén aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que desenvolve a Deputación a través da súa Editorial, “con máis de 800 títulos ligados á arte, á socioloxía, antropoloxía, natureza ou patrimonio documental desta provincia”, ou do apoio que presta a proxectos relacionados coas letras e que manifestan “que o noso compromiso coa cultura é firme e sempre converteremos o apoio ao sector nunha das grandes bandeiras da nosa acción política”. Neste contexto, Sánchez chamou a atención sobre a brecha entre os lectores que prefiren ler en castelán e os que o fan en galego, representando estes últimos só o 3,1%, e avogou por atender esta situación desde as administracións públicas e fomentar a lectura en galego.

 

Galerias de imaxes