A vicepresidenta Luisa Sánchez inaugura a Feira do Libro de Vigo situando á provincia como “un territorio moi próspero no que a literatura se refire”

01/07/2024

Luisa Sánchez na inaguración da feira do libro en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá na inauguración da Feira do Libro de Vigo onde remarcou que a provincia “é un territorio moi próspero no que a literatura se refire”. Neste ámbito, Sánchez recordou que a provincia conta con escritores “que son sinónimo de calidade e de éxito de vendas inmediato” e tamén o papel do sector cultural e en concreto, do libro, “que no 2023 rexistrou unha cifra histórica de facturación”.

Tamén aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que desenvolve a Deputación a través da súa Editorial,  “con máis de 800 títulos ligados á arte, á socioloxía, antropoloxía, natureza ou patrimonio documental desta provincia”, ou do apoio que presta a proxectos relacionados coas letras e que manifestan “que o noso compromiso coa cultura é firme e sempre converteremos o apoio ao sector nunha das grandes bandeiras da nosa acción política”.

Neste contexto, a responsable provincial chamou a atención sobre a brecha entre os lectores que prefiren ler en castelán e os que o fan en galego, representando estes últimos só o 3,1%, atendendo aos datos do derradeiro Barómetro de Compras de Libros e Hábitos de Lectura publicado pola Federación de Gremios de Editores de España. Sánchez avogou por atender esta situación desde as administracións públicas e fomentar a lectura  en galego.
 

Galerias de imaxes