Luis López subliña no seo da FEMP a importancia da Administración local na promoción dos hábitos de vida saudables

O presidente provincial participa na reunión da Rede Española de Cidades Saudables, da que é vicepresidente e á que están adscritas a Deputación e mais 17 concellos da provincia

27/02/2024

O presidente provincial participa na reunión da Rede Española de Cidades Saudables

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes en Madrid na reunión da Rede Española de Cidades Saudables, un organismo dependente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), para coñecer as conclusións da memoria de actuacións levadas a cabo ao longo do pasado ano 2023 por esta entidade, na que o mandatario provincial ocupa o cargo de vicepresidente segundo.

O principal punto da orde do día foi facer un balance do convenio asinado entre a FEMP e o Ministerio de Sanidade para apoiar as entidades locais adscritas a esta rede. Este acordo serviu para aplicar un plan de apoio ás entidades locais que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade na promoción da saúde e na prevención de enfermidades, como fomentar a actividade física entre a poboación. Ademais, tamén lles ofrecen axudas ás entidades locais que se adhiran á Estratexia de promoción da saúde e prevención no Sistema Nacional de Saúde ou realicen actividades formativas sobre esta materia.

Poñer a saúde no centro e potenciar hábitos de vida saudable no conxunto da poboación a través de diferentes programas de actividades dirixidos á cidadanía, así como executar obras nos concellos da provincia que fomenten a mobilidade peonil forman parte da acción de goberno da Deputación; un plan que combina á perfección coa filosofía desta rede global xurdida hai máis de 30 anos ao abeiro da Organización Mundial da Saúde (OMS).

A Rede Española de Cidades Saudables está composta por 509 entidades locais, entre as que está a Deputación de Pontevedra e os concellos de Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

O pasado 2023, a Deputación de Pontevedra recibiu 94 solicitudes para participar na formación, entre as que se seleccionaron 48 persoas; finalmente, 44 foron ao exame e aprobaron 36. Por nacionalidades, a maioría procedían do Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.

Galerias de imaxes