Luis López adianta á alcaldesa de Forcarei a aprobación de dúas axudas cifradas en máis de 430.000 euros para a mellora dos servizos e infraestruturas municipais

O presidente da Deputación mantén unha reunión de traballo coa rexedor Verónica Pichel, na que lle informou dun apoio valorado en máis de 700.000 euros para mellorar estradas, a xestión de residuos ou as instalacións deportivas do Concello

11/06/2024

Luis López reúnese coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, a aprobación na vindeira Xunta de goberno do ente provincial de dúas subvencións para mellorar as infraestruturas e servizos do Concello valoradas en máis de 430.000 euros correspondente ao Plan +Provincia. Por unha banda, o Concello recibirá 212.000 euros para a primeira fase da mellora da Rúa Francisco Filgueira, mentres que, por outra, contará con 230.000 euros para adquirir un vehículo para a recollida e traslado de residuos. O mandatario provincial trasladou estes anuncios á rexedora nun encontro de traballo que tivo lugar este martes no despacho presidencial do Pazo Provincial, onde repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. "Hai tres proxectos clave, e dous deles serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres. E o outro ao longo deste mes de xuño", recoñeceu o mandatario provincial.

Neste sentido, o titular do executivo provincial avanzou tamén que está a piques de ser aprobada polo executivo provincial outra subvención por valor de 108.200 euros, ao abeiro da Liña 1 de investimentos do + Provincia, que se destinarán á mellora de cunetas nos lugares de Igrexas e Quintelas. Así mesmo, o Concello de Forcarei ten concedido desde hai dous meses unha axuda de 129.000 euros da Liña 3 de fomento do emprego. Do mesmo xeito, correspóndenlle 56.500 euros da Liña 2 de apoio ao gasto corrente e 17.000 euros, da Liña 4 para a redacción de proxectos transformadores.

Luis López reúnese coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel

O Concello de Forcarei tamén se beneficia de fondos doutro programa provincial como é o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que recibirá uns 36.100 euros que empregará para executar o proxecto de mellora do Pavillón Polideportivo de Soutelo de Montes.

A reunión, que se encadra dentro da serie de encontros institucionais que o presidente está manter cos rexedores de toda a provincia, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha neste Concello. Un deles é a posta en marcha da Casa da Xuventude, proxecto condicionado por requisitos exclusivamente técnicos sobre o que Luis López sinalou que "o noso espírito é o de colaboración e o de mirar polos concellos", sentenciou o presidente.

audios

Luis López

Verónica Pichel