Luis López aborda unha mobilización de 700.000 euros da Deputación no Concello do Rosal, nun encontro coa súa alcaldesa, Ánxela Fernández
O presidente provincial avanzou unha subvención de 126.500 euros para a mellora de tres camiños ao abeiro do +Provincia, que se aprobará este venres en Xunta de Goberno
07/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, investimentos por valor de 700.000 neste concello por parte do goberno provincial ao abeiro de programas como o +Provincia e o Plan Extraordinario de infraestruturas Deportivas. Nunha reunión de traballo mantida nesta mañá de martes entre ambos os dirixentes no despacho presidencial do Pazo provincial, López e Fernández repasaron investimentos previstos pola Deputación, abordaron temas de interese mutuo para as dúas administracións e estudaron posibles vías de colaboración para atender as necesidades da veciñanza. “Analizamos temas de actualidade e as preocupacións e ocupacións que ten a alcaldesa e o seu equipo. E xa lle anticipei que imos aprobar a adecuación de tres camiños cun investimento de 126.000 euros para dar cobertura ás necesidades dos veciños”, sinalou López ao remate deste encontro institucional.
Neste sentido, o presidente adiantou á rexedora deste Concello do Baixo Miño que a Xunta de Goberno aprobará este venres unha subvención, ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do programa + Provincia, de 126.500 euros para financiar mellora dos camiños de Marzán, do Xogo e da Congostra. Ademais, nesta liña, o Concello do Rosal ten solicitados outros proxectos como: o saneamento do Camiño do Nixo-Durán-Visodoseidos, valorado en 53.000 euros; a renovación do parque de Pías por 46.000 euros, a adquisición dunha parcela en Martín por 36.000 euros ou o cambio de pavimento do patio da escola infantil por 31.000 euros. Así mesmo, Luis López tamén valorou a decisión do goberno local de presentar propostas para as outras tres liñas do +Provincia, que permite contratar a nove persoas por unha subvención de 124.000 euros, así como a solicitude de 53.000 euros para colaborar co gasto corrente derivado do consumo de enerxía eléctrica e da organización da Feira do Viño; ou á novidosa Liña 4 de redacción de proxectos transformadores para avanzar no acondicionamento da Praza de Martín por 16.000 euros.
Do mesmo xeito, o presidente da Deputación amosou a súa satisfacción pola presentación por parte do Concello de propostas ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, unha delas está xa aprobada e vai permitir a instalación dun videomarcador no pavillón municipal valorado 34.000 euros. As outras peticións están relacionadas coa adquisición de porterías para o campo de fútbol da Mata e para o propio pavillón, por valor de 11.700 euros; e a terceira céntrase na adquisición de bicicletas valoradas el 6.500 euros.
Este encontro institucional entre a alcaldesa Ánxela Fernández e o presidente provincial, Luis López, transcorreu nun clima de cordialidade e serviu tamén apalabrar unha futura visita do presidente ao Rosal para comprobar o remate da senda peonil que conecta os núcleos de Tabagón e As Eiras. Do mesmo xeito, ambos os dirixentes acordaron tamén recuperar e revisar o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na EP-3302 que leva cinco anos paralizado. “Colaborar é o espírito desta Deputación, os concellos teñen aquí, na casa de todos os pontevedreses, un aliado. Estaremos para o que establezan e digan os alcaldes, que son os que máis saben das necesidades da veciñanza”, concluíu o presidente da Deputación reiterando o compromiso do executivo provincial de tender pontes con todas as administracións.