Luis López destaca o labor da Fundación Manolo Paz para construír unha provincia que coida o seu patrimonio artístico e que atrae as miradas do mundo da arte
O presidente provincial participa en Cambados no recoñecemento ao profesional David Barro, nun acto no que puxo en valor a recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra
23/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o labor que a Fundación Manolo Paz leva realizando ao longo de toda a súa traxectoria na divulgación e coidado do patrimonio artístico da provincia, así como por situar este territorio no circuíto internacional da arte. Fíxoo durante a celebración das novenas xornadas da Fundación Manolo Paz que, este ano, recoñecen o labor de David Barro, profesional da arte, que vén de ser nomeado director do Es Baluard Museo d’Art Contemporani de Palma. “Queremos recoñecer o excelente traballo que vén realizando a Fundación Manolo Paz a prol do noso patrimonio histórico e para facer da nosa provincia un polo desde o que exportar e importar o mellor arte”, sinalou o mandatario provincial durante a cerimonia.
Tamén tivo verbas de agradecemento Luis López para o homenaxeado. “Tes todo o noso recoñecemento pola túa formación, polos teus traballos e pola túa dedicación para construír unha Galicia e unha sociedade máis culta, máis crítica e, en definitiva, máis xusta”, valorou o dirixente.
A cerimonia celebrouse este venres na sede da Fundación Manolo Paz, na localidade cambadesa de Castrelo. Un acto que consistiu no recoñecemento a David Barro pola súa traxectoria profesional e, en especial, polo seu traballo relacionado coa arte e o deseño, a innovación cultural e o desenvolvemento sustentable. Ademais de arte, a xornada contou tamén cunha intervención artística a cargo do fotógrafo arousán Adrián Baúlde, coa música de Faia Díaz e benxamín Otero e cunha selección de produtos gastronómicos maridaxe a cargo da adega Paco & Lola e Conservas Daporta.
Na súa intervención, o presidente López salientou tamén a “marcada tradición artística” que ten a provincia de Pontevedra, que conta con autores multidisciplinares de gran prestixio como os artistas locais Manolo Paz ou Ramón Leiro, que ten na Escola de Cantería —dirixida pola Deputación ata hai un ano— un berce de escultores que deixan a súa pegada por todo o mundo; que acolle festivais de todo tipo de disciplinas e, sobre todo, que conta cunha das máis importantes institución artísticas de Galicia: o Museo de Pontevedra, pertencente á Deputación provincial.
“Somos berce de institucións que levan a arte e a cultura no seu ADN, como é o Museo de Pontevedra, un dos máis importantes de Galicia cunha colección infinita e que proximamente verá ampliado o seu patrimonio coa incorporación do convento de Santa Clara”, sinalou o mandatario provincial. Neste sentido, lembrou López unha das grandes propostas que impulsará o Museo, como é a Bienal de Arte de Pontevedra. O goberno provincial recupera este evento artístico que levaba 14 anos sen celebrarse e que volverá a Pontevedra o vindeiro ano 2025. “A Bienal de Arte de Pontevedra, na que todo o tecido artístico da nosa provincia teredes un papel fundamental, volverá a ser unha realidade”, rematou o presidente da Deputación.