Luis López destaca a mellora da seguridade viaria entre Mané e Rebón, que comeza co investimento de 1,4 millóns para “saldar unha débeda” coa veciñanza de Moraña

O presidente provincial, xunto coa deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo; presenta o proxecto de mellora da EP-0503, que levaba oito anos paralizado e permitirá ensanchar o viario e a construción dunha variante para desviar o tráfico dun núcleo de poboación

08/07/2024

Luis López en Moraña

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o compromiso da Deputación para “saldar unha débeda” coa veciñanza de Moraña ao desbloquear o proxecto de mellora da seguridade viaria e da mobilidade da estrada provincial EP-0503 entre Mané e Rebón, en Moraña. A obra, valorada en 1,4 millóns de euros e financiada ao 100 % polo organismo provincial, foi presentada esta tarde de luns nun acto na contorna da igrexa de San Pedro de Rebón no que Luis López estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, o alcalde de Moraña, Sito Gómez; e o enxeñeiro da Deputación, José Domínguez. “Saldamos unha débeda coa veciñanza e o Concello de Moraña, que por fin van ver atendidas as súas necesidades”, afirmou Luis López.

O proxecto consiste nunha intervención integral ao longo da EP-0503 ao seu paso polo termo municipal de Moraña, entre as localidades de Mané e Rebón. Dada a lonxitude e complexidade da intervención, a obra dividirase en tres treitos. No primeiro deles, entre os puntos quilométicos 2+300 e 3+624, procederase a ensanchar a estrada ata os 7 metros, con dous carrís de 3 metros e unha beiravía de medio metro, así como a mellorar o trazado a través da eliminación de curvas pronunciadas. Entre os puntos quilométricos 0+460 e 1+100, levarase a cabo a mesma intervención. Entre os puntos 1+100 e 2+300, o proxecto contempla a construción dunha variante que reduza o paso de vehículos por este núcleo de poboación e contribúa a mellorar a seguridade viaria. Con todo, tamén se actuará neste núcleo de poboación a través da mellora do firme.

“Unha actuación por fases, pero que estamos a tramitar ao mesmo tempo para que, no menor tempo posible, o ensanche e mellora da estrada provincial entre Mané e Rebón sexa unha realidade”, resumiu o presidente Luis López, quen lembrou outras actuacións posta en marcha este ano para a mellora da seguridade viaria da rede de estradas provincial que transcorren polo Concello de Moraña e nas que o ente provincial inviste máis de 270.000 euros para mellorar os firmes e as cunetas. O goberno local, pola súa banda, asumirá os custos das expropiacións necesarias para facer realidade o proxecto.

A mellora da seguridade desta estrada é unha demanda histórica da veciñanza de Moraña e o proxecto leva paralizado desde o ano 2015. Oito anos despois, o goberno de Luis López recupera a obra para atender as necesidades do Concello. “Falamos dunha obra que xa tiña que estar feita e rematada hai moito tempo”, afirmou o presidente durante a Deputación. A posta en marcha desta obra, nunha semana na que o executivo provincial conmemora o seu primeiro ano de goberno, supón unha nova mostra de que a Deputación cumpre cos seus compromisos. “Cumprimos co noso compromiso cos alcaldes e alcaldesas da provincia, cumprimos coa nosa responsabilidade de manter e mellorar a rede de estradas provinciais e cumprimos coa veciñanza recuperando proxectos como este”, afirmou Luis López, que asegura que nos vindeiros anos de mandato a Deputación “seguirá estando ao servizo dos rexedores e levando á veciñanza os mellores servizos e infraestruturas vivan no concello que vivan”.

Galerias de imaxes