Luis López eloxia o sector vitivinícola das Rías Baixas por ser un dos “mellores argumentos” para a desestacionalización turística na provincia

O presidente provincial participa na clausura do Foro Mundial de Cooperativas Vitivinícolas que se celebrou na adega Martín Códax de Cambados durante tres días

24/05/2024

Luis López eloxia o sector vitivinícola das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a aposta da Deputación polo enoturismo nas Rías baixas como unha ferramenta para potenciar o sector vitivinícola da provincia e seguir avanzando cara a consolidación dun destino turístico desestacionalizado e sustentable. Fíxoo durante a súa participación no acto de clausura do Foro Mundial de Cooperativas Vitivinícolas que durante as últimas tres xornadas celebrouse nas instalacións que Bodegas Martín Códax ten en Cambados. “O enoturismo é un dos nosos mellores argumentos e temos que aproveitalo. Temos bodegas e viticultores, temos diversidade, con diversas subzonas produtivas: temos un produto internacional e recoñecido e temos unha oferta atractiva e distinguida”, defendeu o mandatario provincial diante de cooperativistas de todo o mundo.

Ao longo destes tres días de foro, os participantes participaron en diferentes sesións de traballo e conferencias, así como saídas pola provincia para coñecer o funcionamento e o potencial do sector vitivinícola das Rías Baixas. Unhas actividades que versaron tamén sobre as tendencias do viño no mundo, a importancia das cooperativas para o futuro do sector ou a relación entre o viño e un estilo de vida saudable.

Luis López eloxia o sector vitivinícola das Rías Baixas

Neste sentido, o presidente da Deputación fixo referencia ás grandes posibilidades de innovación a nivel turístico que ofrece o sector vitivinícola para o destino turístico Rías Baixas. “Con este potencial, as posibilidades de éxito son infinitas e as propostas innovadoras arredor do viño non están tardando en chegar”, recoñeceu López facendo referencia á oferta de catas en adegas situadas en fincas históricas, na alianza do viño coa gastronomía e os restaurantes con estrela, na celebración de concertos ao aire libre ou excursións en barco polas rías con degustacións de viño incluídas ou a organización de rutas de senderismo por viñedos da provincia. Unha proposta arredor do viño que se complementa con outras experiencias 100 % Rías Baixas ligadas á historia, á cultura, ao deporte, aos festivais de música, ao contacto coa natureza ou á auga das praias, illas, rías, fervenzas ou termas que abundan na provincia de Pontevedra.

Recoñeceu Luis López que o turismo nas Rías Baixas atravesa “un momento doce”, pero hai retos de futuro e posibilidades de crecemento que hai que afrontar. Con ese obxectivo, explicou, a Deputación colabora con todo o sector turístico na elaboración dunha Estratexia de Turismo Rías Baixas que servirá para consolidar un destino turístico “moderno, desestacionalizado e, sobre todo, sustentable”, rematou o presidente da Deputación.