A Deputación saca a licitación o proxecto de urbanización da rúa Condesa en Barrantes, Ribadumia, cun investimento de preto de 700.000 euros

As empresas interesadas en presentar ofertas para esta actuación, que transformará o núcleo urbano e mellorará a mobilidade e a seguridade viaria nesta vila do Salnés, terán de prazo ata o 1 de febreiro

16/01/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación por preto de 700.000 euros o proxecto de urbanización da rúa Condesa en Barrantes, Ribadumia, nun tramo da estrada provincial EP-9506. As empresas interesadas en presentar ofertas para esta actuación, que transformará o núcleo urbano e mellorará a mobilidade e a seguridade viaria nesta vila do Salnés, terán de prazo ata o 1 de febreiro.

As obras acometeranse nun tramo de 300 metros do treito inicial da estrada provincial EP-9506, que une Barrantes e Vilariño, un espazo de alta confluencia de xente ao localizarse o colexio, o campo de fútbol e o pavillón. Deste xeito, modificarase o trazado da rúa Condesa e instalaranse beirarrúas máis amplas de formigón coloreado. Tamén se crearán zonas de estacionamento para darlles servizo aos autobuses escolares que acceden ás instalacións deportivas da contorna e construiranse pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria.

As obras na EP-9506 entre Barrantes e Vilariño completarase coa instalación de redes de telecomunicación e de drenaxe, así como coa execución de zonas axardinadas, mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical.