O deputado Jorge Cubela reúnese coas xefas e cos xefes de servizo da Deputación para avanzar no I Plan estratéxico provincial de xuventude

08/04/2024

Jorge Cubela acaba reúnese coas e cos xefes das diferentes áreas da Deputación

Tras a xuntanza coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, e con representantes dos concellos da provincia para avanzar na elaboración do I Plan estratéxico provincial de xuventude, chegou a quenda dos servizos da Deputación. Deste xeito, o deputado provincial Jorge Cubela acaba de reunirse coas e cos xefes das diferentes áreas da institución para coñecer, de primeira man, os programas dirixidos á mocidade e para impulsar iniciativas de xeito efectivo e compartido para darlles resposta ás necesidades e demandas existentes no ámbito xuvenil.

Desde a posta en funcionamento do Servizo de Xuventude o Goberno provincial ten xa en marcha numerosas iniciativas dirixidas á mocidade. Así, ademais da elaboración do I Plan estratéxico provincial de xuventude e do programa “+Xuventude”, o servizo lanzou xa o programa “Vive o rural” e está previsto que proximamente se publique unha liña de axudas para dotar os locais xuvenís dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Tamén se está a traballar na creación dun espazo propio na web institucional con información de programas, iniciativas e recursos dirixidos á mocidade, na constitución do Consello Provincial de Xuventude e na organización dun encontro provincial de xuventude e de mesas de traballo e xornadas técnicas de formación cos concellos.