Luis López destaca o investimento de 1,2 M€ na mellora da mobilidade peonil na EP-2601 entre Mos e Puxeiros para seguir avanzando na modernización da rede viaria
O presidente da Deputación, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, asina coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, un convenio para construír unha senda peonil e mellorar a seguridade viaria nun treito de 1.350 metros
12/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o 1,2 millóns de euros destinados á mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2601, no treito entre os núcleos de Mos e Puxeiros, como unha nova mostra do compromiso do goberno provincial coa modernización da rede viaria e da cooperación cos concellos. Acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, o mandatario provincial vén de asinar este xoves coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o convenio para a construción dunha senda peonil nun treito de 1.350 metros desta estrada nun proxecto no que a Deputación achega o 80 % do orzamento total. “Estamos diante dunha nova mostra de que a Deputación cumpre coas súas competencias en mantemento e mellora de estradas, co seu deber de cooperar cos concellos; e coa súa vocación de modernizar as infraestruturas”, afirmou o presidente Luis López antes de asinar o acordo.
O proxecto céntrase nun treito de 1.350 metros da EP-2601, que conecta Mos e Puxeiros. Neste tramo habilitarase unha senda peonil na marxe esquerda da estrada para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores, así como cunetas de seguridade e drenaxe na beira dereita do viario. Así mesmo, a actuación inclúe o reasfaltado do firme, o soterramento dos servizos, a colocación de novas luminarias, a mellora da sinalización vertical e horizontal, melloras de seguridade nos pasos de peóns, novas marquesiñas e o acondicionamento dunha fonte con lousas de pedra. O orzamento global do proxecto ascende a 1,5 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 80 % (1,2M€). Mentres que o Concello corre co 20 % restante, uns 300.000 euros.
Non é a primeira acción de colaboración entre a Deputación e o Concello de Mos en materia de insfraestruturas viarias. Recentemente deuse por rematada a obra de mellora de seguridade e mobilidade peonil noutro treito desta estrada EP-2601 e está en licitación a mellora da seguridade noutro treito de 200 metros desta mesta estrada. Ademais, está pendente de comezar as obras de reparación de beirarrúas na EP-2603 entre Puxeiros e Peinador, así como xa está redactado o proxecto para reposición do firme na EP-2602 entre Peinador e Louredo nun treito de 4 quilómetros.