A Deputación acollerá desde o vindeiro luns no Pazo provincial a mostra “Cines de Pontevedra” na que recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia

O presidente provincial Luis López inaugurará, xunto co deputado de Cultura Jorge Cubela, este luns ás 10.00 horas a mostra, que se poderá visitar ata o 30 de agosto

21/07/2024

Mostra Cines de Pontevedra

O pazo provincial da Deputación de Pontevedra acollerá desde o vindeiro luns, 22 de xullo, a exposición “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión”, que poderá visitarse no vestíbulo principal do edificio ata o 30 de agosto. A mostra, promovida pola propia institución provincial, busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. A inauguración terá lugar o propio luns 22 de xullo ás 10:00 horas e nela participará o presidente provincial, Luis López, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela.

A mostra recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.

Despois do seu paso por Pontevedra, onde se poderá visitar no Vestíbulo do Pazo provincial ata o 30 de agosto, en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres, a exposición percorrerá os concellos da provincia.