Luis López desexa “unha traxectoria plena, frutífera e feliz” á nova promoción de profesionais da Escola de Enfermería da Deputación

O presidente provincial participa por primeira vez no acto de gradación do Grao de Enfermería, que se celebrou este venres no salón de plenos do Pazo Provincial

14/06/2024

Graduación da escola de Enfermerái 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu os parabéns  á nova promoción de enfermeiras e enfermeiros da provincia que este venres celebraron no Pazo provincial o seu acto de gradación. “Para a maioría é a primeira vez que vos graduades dunha carreira. Pois para min hoxe tamén é a miña primeira vez que teño a honra de darvos os parabéns, a primeira vez que podo felicitarvos por chegar á meta desta carreira que comezastes hai catro anos e a primeira vez que vos desexo moito ánimo, ganas e forza para afrontar un futuro tan bonito e prometedor, como duro e esixente”, confesoulles o mandatario provincial que presidiu por primeira vez o acto de fin de curso da Escola de Enfermería que pertence á Deputación e está adscrita á Universidade de Vigo.

A promoción deste 2024 é “especial”, subliñou López no seu discurso. Este ano cúmprese medio século da creación por parte do organismo provincial da antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios da Cruz Vermella. “Foi o xerme da actual Escola de Enfermería, da que cada ano saen uns profesionais coma vós: Cunha vocación firme, cunha formación excelente e coa vontade irrenunciable de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, enxalzou o presidente, que estivo acompañado polo deputado responsable da área de Formación, Alejandro Lorenzo.

Neste sentido, o titular do goberno provincial reafirmou o compromiso da Deputación de seguir apoiando á Escola de Enfermería e seguir acompañando aos titulados e tituladas, tanto na etapa formativa como no mundo laboral. Así mesmo quixo recoñecer tamén o labor dos profesores, da universidade de Vigo, dos profesionais do Hospital Provincial, centro no que se forman os estudantes de Enfermería; e do Sergas. “Un sistema de saúde e de educación pública que na nosa provincia e en Galicia é sinónimo de calidade, profesionalidade e excelencia”, afirmou López.

“Parabéns a todas e todos vós. Deséxovos un feliz verán, cheo de experiencias 100 % Rías Baixas e agardo que teñades unha traxectoria profesional plena, frutífera e feliz. E quedo moi tranquilo, porque os que imos sumando algún ano, sabemos que con profesionais coma vós, estamos en boas mans”, rematou o presidente da Deputación, Luis López.

 

Galerias de imaxes

videos