Luis López sinala o festival Ikfem como o símbolo da cooperación transfronteiriza para impulsar a cultura, o turismo e a economía na provincia e o norte de Portugal

O presidente provincial participa na fortaleza Valença do Minho nos actos enmarcados no programa desta terceira xornada de festival onde actuou o compositor Jorge de Palma e a Orquesta Transfronteiriza, que conta co apoio do organismo provincial

19/07/2024

Luis López no festival Ikfem

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o festival Ikfem, que se celebra estes días en distintos enclaves de eurocidade Tui-Valença, como un símbolo da importancia da colaboración transfronteiriza para organizar eventos de relevancia internacional e dinamizar a economía e o turismo desta rexión a través da cultura. “O IKFEM é un festival que crea unha ponte de enriquecemento creativo sen fronteiras, unha cita que promove como ningunha outra o intercambio artístico e cultural e un encontro que converte á eurocidade Tui-Valença nunha pasarela cultural de ida e volta para gozar cos cinco sentidos”, afirmou o mandatario provincial na Pousada de Valença do Minho, onde esta tarde tivo lugar o concerto do músico Jorge de Palma e da Orquestra Transfronteiriza, unha unión de músicos de ambas as beiras do Miño coa que colabora o ente provincial.

O festival Ikfem comezou o pasado mércores co concerto dos músicos lusos Salvador Sobral e Marco Mezquida e continou o xoves coa actuación de María Hinojosa e o Trío Preseli. A programación avanza este venres coa cita na emblemática fortaleza de Valença do Minho, á que asistiu o presidente Luis López, que serviu para celebrar o 70 aniversario de Jorge Palma, un dos compositores e pianistas máis importantes de Portugal; e a estrea da Orquestra Sinfónica Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha agrupación musical impulsada este ano polo Ikfem que está composta músicos de 26 municipios de ambos os dous territorios. Trátase dun proxecto cultural transfronteirizo que conta cunha apoio da Deputación de 30.000 euros.

Nesta cita, Luis López incidiu na importancia da unión e cooperación entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal. “Este festival representa á perfección a importancia de tender pontes para avanzar e construír proxectos que contribúan á prosperidade deste territorio. A nosa vontade promover a cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal e estamos avanzando en ámbitos como o que hoxe nos reúne aquí, a cultura e a música, pero tamén noutros moitos como as infraestruturas e equipamentos públicos, as conexións territoriais, o deporte ou o medio ambiente”, subliñou o mandatario provincial.

A duodécima edición deste festival continuará coa súa programación ao longo de toda a fin de semana, cunha xornada de dez horas na icónica ponte de ferro que conecta as dúas cidades na que se exporá ao público o mellor da cultura, da música, da materia prima e da gastronomía dos concellos que dan forma a esta eurorrexión. “Convido a todo o mundo a desfrutar do IKFEM, unha das citas ineludibles do calendario estival da provincia e do norte de Portugal e que é, sen dúbida algunha, unha experiencia 100 % Rías Baixas”, concluíu Luis López, despois de dar os parabéns a todos os implicados na organización deste festival e especialmente á súa creadora, Andrea González.

Galerias de imaxes