A exposición sobre Berta Cáccamo no Museo de Pontevedra achega novas perspectivas a partir das conexións entre a súa pintura e o seu arquivo

“Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo”, comisariada por Juan de Nieves, inaugúrase mañá venres e poderá visitarse ata o 9 de xuño

11/04/2024

Rafa Domínguez na exposición

O Museo de Pontevedra inaugura mañá venres ás 19:30 h, a exposición “Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo”. Este proxecto expositivo, concibido especificamente para este museo, aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel ao longo de toda a súa traxectoria artística. Estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.

“Todos estes arquivos que van estar ligados e depositados no Museo de Pontevedra serán a base dun fondo traballo que imos desenvolver para seguir ligando o nome de Berta Cáccamo, unha figura fundamental das artes de finais do século XX e XXI, a Pontevedra”, asegurou o vicepresidente, Rafa Domínguez, na visita realizada esta mañá xunto cos medios de comunicación mentres se ultima a montaxe da mostra. No percorrido tamén participaron o comisario da exposición, Juan de Nieves, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e o representante do Legado de Berta Cáccamo, Xosé María Álvarez Cáccamo, ao que Domínguez lle agradeceu a súa xenerosidade. “O Museo enriquécese con esta achega da que van desfrutar todos os pontevedreses”. Deste xeito, o vicepresidente remarcou que este é un paso máis “para converter a cidade de Pontevedra na capital cultural por excelencia, cunha programación única, que nos está a permitir elevar o Museo de Pontevedra a un nivel nunca antes alcanzado”.

O Legado foi constituído en 2018 por familiares e amigos da artista viguesa, logo do seu prematuro falecemento, co obxectivo de manter viva a súa memoria e difundir a súa obra. Nestes anos organizáronse varias exposicións individuais, coma a do Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022, publicáronse libros sobre o seu traballo e institucións coma o Museo Reina Sofía e o Banco de España adquiriron obra súa. Deste xeito, a obra da artista viguesa conseguiu o recoñecemento que merece dentro da súa xeración.

“Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo” é o colofón deste traballo de posta en valor. É ,ademais, parte dun obxectivo máis ambicioso de preservar a memoria da que foi profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O arquivo da pintora, agora xestionado polo Legado, pasará ao Museo de Pontevedra co fin de que o conserve, ordene e difunda publicamente.

Parte desta documentación que se lle entregará formalmente ao Museo en próximas datas está agora presente na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que nos axudan a entender o seu universo estético.

Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos que se exhiben na mostra. Foron creados nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que cobre a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.

Recital e seminario

A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.

Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá ás e aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Aquí estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museu Nacional d’Art de Catalunya.

Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963 - Vigo, 2018), comezou a súa carreira como artista a mediados da década de 1980. Licenciada en Belas Artes pola Facultade San Jordi de Barcelona, doutorouse nesta facultade e posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde exerceu a docencia de 1995 a 2013. Gozou de bolsas coma a Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia en 1987 e a de Creación Artística Banesto en Madrid en 1990. Obtivo o segundo premio na XXI Bienal de Pontevedra, co que fixo dunha estancia na Cidade Internacional das Artes en París entre 1990 e 1991. En 1992 e 1993 foi bolseira na Academia de Belas Artes de Roma.

Galerías e centros dedicáronlle preto de 40 exposicións individuais, entre elas “Expansión ensaio”, no CGAC, en 2017, e “Horas felices, un transitar”, no Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022. Ademais, expuxo de forma individual en espazos de Vigo, A Coruña, Madrid, Baiona, Barcelona, Porto, Palma de Mallorca, Zaragoza, Santiago de Compostela, Palencia, Eivisa, San Sebastián, Cambados e Ferrol. Tamén estivo presente a súa obra en arredor dun cento de exposicións colectivas en Galicia, España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Alxeria, Cuba, México, Suíza e Alemaña.

A súa obra gráfica forma parte de varias edicións. Tamén ilustrou libros, entre eles o poemario Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2017), que obtivo o premio ao libro ilustrado na III Gala do Libro Galego (2018). Entre a ducia de premios obtidos na súa carreira, destaca o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas (Xunta de Galicia, 2017).

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.