A Deputación leva este mércores a Dozón o circuíto +Escénicas con “A Historia de Rata o Pirrata”, de Olivas Negras

A peza teatral, para o público infantil, poderá verse a partir das 17:00 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas

18/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este mércores 20 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Dozón cunha peza de teatro infantil, “A Historia de Rata o Pirrata”, da compañía Olivas Negras. A función comezará ás 17:00 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“A Historia de Rata o Pirrata” é unha emocionante e divertida aventura de teatro infantil que segue os pasos de Nazario, un buscavidas coa mirada posta no tesouro, e Rata, un rapaz valente cun soño: ser un auténtico pirata dos mares. Os protagonistas embárcanse nunha misión para atopar o tesouro do temido pirata Bocachancla, pero descubrirán que o verdadeiro tesouro son a forza da amizade e a aventura compartida. O espectáculo combina humor, emoción e valores positivos, e é unha elección perfecta para unha xornada de diversión.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.