A Deputación únese á Xunta e ao norte de Portugal para defender a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Lisboa

Luis López: “Esta provincia precisa un transporte como corresponde a estas alturas de século XXI, xa non só co resto do país, senón tamén coa rexión veciña de Portugal. Por iso tendemos pontes, para que esta conexión que demandamos sexa pronto unha realidade”

28/06/2024

Luis López en rolda de prensa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar adherirse ao manifesto impulsado pola Xunta de Galicia e a Comisión de Coordenación e desenvolvemento rexional do norte de Portugal (IP) en favor da construción da liña de alta velocidade ferroviaria que une Vigo con Porto e Lisboa e na súa defensa como unha infraestrutura prioritaria e estratéxica. “Esta provincia precisa un transporte como corresponde a estas alturas de século XXI xa non só co resto do país, senón tamén coa rexión veciña de Portugal”, asegurou o presidente provincial, Luis López, ao tempo que lembrou que “é un feito que aínda seguimos cunha conexión que leva dúas horas e media de Vigo a Porto, por iso temos que tender pontes, para que esta conexión que demandamos sexa pronto unha realidade”.

O manifesto recolle a vontade de que no ano 2032 se poña en servizo esta infraestrutura estratéxica para toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal tal e como foi aprobada nos Cumios Ibéricos. Ademais, demanda que haxa un orzamento e un calendario realista para acometer estas conexións ferroviarias dentro dos prazos inicialmente comprometidos. Reclama, desta maneira, o desenvolvemento dunha programación completa de actuacións, investimentos e fitos para o desenvolvemento da conexión Vigo-Porto, coa prioridade da Saída Sur de Vigo.

Ademais disto, o manifesto tamén lembra que a actual conexión, o denominado Tren Celta, entre Porto e Vigo presenta, nestes momentos,  unha duración de traxecto que ascende a dúas horas e media, conta con material moi obsoleto e ofrece unhas condicións de servizo que cómpre actualizar con urxencia mentres a conexión do Eixo Atlántico non se materialice para facer posible unha viaxe nun tempo máximo dunha hora.

audios