A Deputación acolle desde este luns cursos de competencias dixitais para nenos e mozos dentro do proxecto CRI-TIC da Fundación Esplai Cidadanía Comprometida

Os cursos, que terán lugar na aula CeMIT da institución provincial ata o 31 de xullo, están deseñados para ensinarlles conceptos básicos sobre ferramentas informáticas, uso seguro e responsable de Internet, programación, robótica educativa ou impresión 3D

07/07/2024

A aula CeMIT situada no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra acolle desde este luns dous cursos para formar aos nenos en competencias dixitais, unha proposta que se enmarca dentro do proxecto “CRI-TIC, Infancia e Xuventude con criterio dixital” da Fundación Esplai Cidadanía Comprometida, que ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias dixitais, buscando a inclusión dixital desde a infancia. Os cursos, que se desenvolverán entre o este luns e o 31 de xullo, están enfocados a nenos de 9 a 11 anos, por un lado, e de 14 a 17, polo outro, e están deseñados para ensinarlles conceptos básicos de ferramentas informáticas, usos seguro e responsable de Internet, programación, robótica educativa, impresión 3D, ou realidade virtual.

Cada un dos cursos, que teñen como obxectivo desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas, consta dun total de cinco etapas, nas que o alumnado deberá superar un total de seis misións cunha duración estimada de 60 minutos. Desta maneira, o primeiro dos cursos, de competencias básicas, é para nenos de 9 a 11 anos e desenvolverase de luns a venres de 11:30 a 13:30 horas. Os cativos descubrirán os beneficios das TIC, as fake news, que é a identidade dixital e a “netiqueta”, así como a previr o ciberacoso, protexer os seus datos persoais e dispositivos, ou sobre bibliotecas dixitais, ferramentas de deseño e participación cidadá.

O segundo dos cursos, o que está enfocado a rapaces de 14 a 17, desenvolverase tamén de luns a venres de 9:30 a 11:30 horas e, neste caso, aprenderán sobre redes sociais e saúde mental, protección de datos persoais e privacidade, identidade, pegada dixital e “netiqueta”, ocio saudable, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, creatividade dixital e busca de emprego.

Logos