Rafa Domínguez confirma que a Deputación destinará 131.000 euros para financiar actividades culturais e de dinamización económica da cidade de Pontevedra durante o Nadal
“Son actividades fundamentais para a cidade de Pontevedra, que contribuirán a dar pulo ao comercio local, ao casco histórico e a organizar actividades culturais durante estas datas”, remarcou o vicepresidente provincial
04/12/2024
A Deputación de Pontevedra continúa cumprindo con Pontevedra e impulsando a dinamización económica e cultural da capital da provincia. Así o subliñou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, tras confirmar a sinatura dun novo convenio co Concello de Pontevedra, por valor de 131.000 euros para financiar actividades culturais e de promoción económica na cidade durante o Nadal.
Tal e como detallou Domínguez, a sinatura deste novo convenio co Concello de Pontevedra, “unha proba máis da boa relación e estreita colaboración entre o organismo provincial e o goberno local”, permitirá organizar actividades de promoción do comercio local, de dinamización dos barrios da cidade, realizar melloras nas actividades do Mercado de Abastos, poñer en valor o cemiterio de San Amaro e o centro pictórico Manuel Moldes, organizar un festival de Panxoliñas e dinamizar o casco histórico durante o Nadal.
“Son actividades fundamentais para a cidade de Pontevedra, que imos financiar ao 100% e que contribuirán a dar pulo ao comercio local, ao casco histórico e a organizar iniciativas culturais e de lecer durante estas datas”, subliñou Rafa Domínguez quen tamén recordou que se enmarca dentro deste acordo de colaboración a presentación de “Narcogallegos2”, presentado esta mesma semana na cidade.