Luis López confirma a aprobación do convenio co Concello de Vigo para humanizar a avenida Clara Campoamor, cun investimento de 1,3 millóns de euros

A Deputación financia o 85% da obra, é dicir, 1,13 millóns de euros, mentres que o Concello faise cargo dos 170.000 € restantes

20/12/2024

Conferencia prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o convenio co Concello de Vigo para levar a cabo as obras de humanización da avenida Clara Campoamor, concretamente entre Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros. A Deputación asumirá o 85% do orzamento, é dicir, 1,13 millóns de euros, e o Concello de Vigo farase cargo dos 170.000 euros restantes.

Trátase, como anunciou o presidente provincial, Luis López, dun dos convenios que Deputación e Concello asinarán este luns, 23 de decembro, por importe de máis de 6 millóns de euros e que serán financiados ao 80% pola Deputación. Así, na firma do vindeiro día 23 tamén se inclúen 3,2 millóns de euros para o macroparque da Finca Matías, 820.000 euros para o campo de fútbol onde xogan o Sárdoma e o Moledo, 286.000 euros para o Complexo Deportivo das Travesas e 513.000 para o parque Nelson Mandela. “Seguimos, deste xeito, cumprindo con Vigo. Cumprimos cos seus habitantes e avanzamos na transformación da cidade, sempre desde a lealdade institucional co Concello”, asegurou López.

En concreto, as obras de humanización da avenida Clara Campoamor inclúen a renovación da calzada, a instalación de novas beirarrúas e, entre outras actuacións, a renovación da rede de servizos, saneamento e abastecemento.

audios