A Deputación leva ata Ribadumia a proxección de “Os espazos en branco” no marco do Ciclo Mestre Mateo

O documental poderá verse este venres no Auditorio municipal ás 21:00 horas

20/11/2024

O Auditorio municipal de Ribadumia acolle este venres 22 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra coa finalidade de achegar as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, que comezará ás 21:00 horas, exhibirase a cinta documental “Os espazos en branco”, dirixida por Bruno Arias.

“Os espazos en branco” está centrada na figura da poeta Xela Arias, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2021 conseguindo converterse nun éxito de vendas sen precedentes. O director da cinta é sobriño da autora, que morreu cando el só tiña cinco anos e da que ten a “espiña cravada” de que, malia ser unha das persoas que máis o influíron na súa vida, apenas lembra nada dela en vida. 18 anos despois da súa perda, Bruno Arias decide transitar as caras e lugares que viviu a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Os espazos en branco”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías” e “Chichi e mais eu”.