A Deputación remata a vendima dos viñedos do Castelo de Soutomaior con preto de 13.000 quilos de uva

Ata 18 persoas realizaron nesta última semana os traballos, adxudicados en poxa pública á adega Quinta das Eiras

22/09/2024

A adega Quinta das Eiras finalizou os traballos de vendima nos viñedos da finca do Castelo de Soutomaior, propiedade da Deputación de Pontevedra, cun total de 12.863 quilos de uva branca recollidos, 800 máis que a previsión inicial. Ata 18 persoas participaron esta semana na colleita, realizada ao longo de varias xornadas nesta última semana.

A adega que resultou adxudicataria na poxa pública promovida pola institución provincial para realizar a vendima encargouse tanto dos traballos de colleita como do seu posterior traslado, e pagará 1,47 euros por quilo de uva albariña recollida e 1,05 € para as outras variedades. En concreto, dos case 13.000 quilos recollidos, 11.296 foron de uva albariña e 1.567 de godello.

Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en 4 hectáreas (o recinto ten unha extensión de 23) foron plantados en 1984. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. A uva é autóctona, na súa maioría albariño, habendo outras variedades brancas como o godello, torrontés, loureiro e treixadura.