A Deputación advirte da aparición de mildio larvado en diferentes zonas da provincia e recomenda manter o nivel de alerta máximo nas viñas

Areeiro incide na importancia de facer revisións continuas para renovar os tratamentos se é necesario e de realizar labores culturais como despuntes, esfollas, rozas, etc.

05/07/2024

Acios albariño

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar un novo boletín fitosanitario, no que advirte da ampla aparición “repentina” de mildio larvado en diferentes puntos da provincia, se ben nesta campaña, malia ter habido repetidamente condicións favorables ás infeccións, en xeral non houbo perdas de colleita importantes máis que puntualmente en predios con fallos nas primeiras aplicacións ou nas labores culturais.

Segundo os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro redución do ciclo da enfermidade dos últimos tempos debido ás condicións meteorolóxicas favorables ao patóxeno (niveis altos de humidade e altas temperaturas) explica a constante aparición de síntomas. Malia iso, cabe destacar que aínda hai viñas completamente sas ou con só algún síntoma esporádico, concretamente as máis aireadas e mellor xestionadas a nivel da vexetación ao longo da campaña, e outras que manifestan maior proporción de acios afectados de mildio larvado, que foron aquelas cunha mala xestión da frondosidade das cepas, da vexetación acompañante ou incluso das propias cepas.

Con esta situación, e ante a posibilidade de precipitacións anunciada nos próximos días, Areeiro recomenda manter o nivel de alerta máximo e realizar revisións continuas ás viñas, co fin de renovar os tratamentos en caso necesario, ademais de facer os despuntes, as esfollas e as rozas necesarias para evitar retencións de humidade a nivel dos acios.

No relativo ao oídio, aínda que houbo condicións favorables para o fungo non se observan síntomas novos nas viñas e os que había non avanzaron así que, salvo no caso de variedades moi sensibles ou predios con historial de danos por este fungo, non é necesaria unha potencial intervención ou tratamentos antioídio.  A institución provincial tamén advirte dun lixeiro aumento da presenza de erinose de verán nos brotes novos e que o estrés derivado do calor destes días fará que empecen a manifestarse en maior grao os síntomas de enfermidade de madeira nas plantas afectadas-.

Ademais, nas follas recollidas por Areeiro aínda se atopan ninfas intermedias de Scaphoideus titanus, o cidadelido transmisor da flavescencia dourada, polo que o organismo recorda que é obrigatorio tratar contra o insecto e arrancar ou destruír as plantas afectadas nalgunhas zonas das comarcas fronteirizas con Portugal. Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas e eliminar, nas zonas afectadas, os ladróns das cepas xa que as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas.

Por outra banda, o centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte que esta semana xa se superou o limiar de tolerancia da poboación do Cydia pomonella ou avelaíña da mazá nas árbores da súa parcela, aparecendo tamén os característicos síntomas. No caso de que iso suceda, a recomendación é retiralos, pois  a ferida que causa a penetración da eiruga é porta de entrada para pragas e fungos secundarios que terminan por destruír a colleita. Ademais, continúa, pero agora xa en niveis baixos despois de acadar o pico máximo a primeiros de xuño, o voo do tortrícido precoz ou Pammene fasciana do castiñeiro, que provoca a caída prematura de ourizos.

 

Ligazóns de interese