A Deputación compromete o seu apoio económico para a promoción da Vía Mariana no 2025

A deputada de Turismo, Nava Castro, anunciou que a institución provincial destinará 6.000 € o próximo ano para promocionar e divulgar a Vía Mariana e animou aos alcaldes dos 13 concellos da provincia polos que discorre o percorrido a presentalo en Fitur 2025

18/11/2024

Apoio económico para a promoción da Vía Mariana

A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, mantivo unha xuntanza con alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que descorre a Vía Mariana, unha ruta de preto de 400 quilómetros que une os santuarios de devoción mariana desde Braga (Portugal) ata Muxía. Na reunión, na que estiveron presentes ademais do alcalde de Cerdedo-Cotobade, o de Campo Lameiro, Covelo, Ponte Caldelas, Mondariz e A Lama así como representantes do Concello de Cuntis, Castro anunciou que a institución provincial destinará 6.000 € no 2025 para promocionar e divulgar a Vía Mariana e animou aos alcaldes dos 13 concellos da provincia polos que discorre o percorrido a presentalo en Fitur 2025.

“Sabemos que hai moito traballo por diante, pero desde Turismo Rías Baixas imos poñer todas as ferramentas posibles para que a Vía Mariana siga promocionándose e cheguemos a máis xente”, asegurou a deputada de Turismo quen tamén tivo a oportunidade de coñecer o folleto informativo sobre o percorrido que está xa dispoñible e inclúe códigos QR con enlace a todos os lugares de interese polos que atravesa. Neste eido a deputada provincial remarcou o interese desta ruta, “que mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúea a diversificar a oferta turística de Pontevedra”, e transmitiu a vontade da Deputación, “tanto desde o servizo de Turismo como o de Cultura, de seguir traballando nun produto turístico e cultural como é este”.

En Pontevedra, a Vía Mariana pasa polos concellos da Cañiza, A Lama, Arbo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures e Valga, sumando na provincia preto de 140 dos seus 380 quilómetros e sete das súas 18 rutas. É unha combinación de pequenos camiños locais de advocación mariana que van aos principais santuarios portugueses e galegos mediante itinerarios antigos, de devocións a santos milagreiros.