A Deputación aproba unha achega por valor de 45.000 euros para que Agolada poida adquirir un vehículo para a súa área de infraestruturas
Con estes recursos, enmarcados no Plan +Provincia, a Deputación de Pontevedra financiará o 100% da adquisición deste vehículo co que o Goberno local manterá acondicionadas as pistas municipais de Agolada
13/05/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de 45.000 euros para que Agolada poida adquirir un vehículo para a súa área de infraestruturas. Con estes recursos, enmarcados na liña 1 do Plan +Provincia, a institución provincial financiará o 100% da adquisición deste tractor co que o Goberno local manterá acondicionadas as pistas municipais da vila.
En liñas xerais, coa achega de 45.000 que acaba de aprobar a Deputación, o Concello de Agolada poderá contar cun novo vehículo tipo tractor. O motor será de 6.728 centímetros cúbicos e 6 cilindros, con potencia de 126 CV. Ademais deberá contar con caixa de cambios de 18 velocidades, dobre tracción, dispoñer de bomba hidráulica e tamén contrapesos dianteiros para que a área de infraestruturas do concello poida acometer axeitadamente as súas tarefas.
O Plan +Provincia destina neste 2024 a Agolada cerca de 640.000 euros, 96.552 euros máis que o pasado ano, a través de catro liñas. Preto de 450.000 enmárcanse na liña 1, de investimentos; 53.000 na liña 2 de gasto corrente; 123.000 euros na liña 3, de fomento do emprego, e 16.000 na liña 4 de desenvolvemento de proxectos transformadores relacionados coa mobilidade. A provincia de Pontevedra está a recibir, este ano, a maior cifra de recursos no marco do Plan +Provincia. Trátanse de 48,2 millóns de euros, 4,2 millóns máis que o aprobado polo anterior Goberno provincial, para transformar os 59 concellos da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes. Uns recursos récord que incorporan, por vez primeira, o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.