A Deputación adxudica por 220.000 euros o programa de termalismo social “+Benestar” para que maiores de 55 anos accedan a balnearios, talasos ou spas da provincia

A iniciativa chegará a máis de 2.100 persoas e desenvolverase a partir do mes de setembro en sete establecementos termais da provincia de Pontevedra

12/07/2024

Conferencia de prensa do vicepresindente Rafa Domínguez

O vicepresidente da Deputación  de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou hoxe que a institución provincial adxudicou por algo máis de 220.000 euros o servizo de xestión e execución do programa “+Benestar 2024” que, como lembrou en conferencia de prensa, “ofertará 2.127 prazas para que maiores de 55 anos poidan acceder a balnearios, talasos ou spas da provincia”.

O programa desenvolverase en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa) e os prezos oscilarán entre os 330 e os 425 euros, segundo o establecemento. A Deputación subvencionará 2.097 prazas de réxime xeral con 100 € e 30 prazas de réxime especial con 400 €, sendo as persoas usuarias as encargadas de aboar o importe restante.

Proximamente abrirase o prazo de presentación de solicitudes, e estímase que o programa comece a no mes de setembro e se desenvolva durante a temporada baixa.