A Deputación aproba achegas por valor de 160.000 € para que Bueu e Mos realicen melloras en equipamentos deportivos

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa máis de 3 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

31/05/2024

Xunta de Goberno 31/05/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación de dúas novas achegas para que Bueu e Mos poidan acometer obras de mellora de infraestruturas deportivas. Deste xeito, Bueu recibirá máis de 60.0000 € para realizar a acometida eléctrica para a subministración do campo de fútbol municipal da Graña, mentres que Mos contará con 95.000 € para realizar actuacións en diferentes campos de fútbol e pavillóns do concello, así como na piscina municipal.  Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíu xa máis de 3 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, un plan co que "semana a semana estamos facendo unha transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos da provincia, algo que nos fan chegar os alcaldes e alcaldesas da provincia ", asegurou o presidente provincial.

En concreto, o Concello de Bueu disporá de 62.477 euros para dotar dun mellor subministro eléctrico e por en pleno rendemento as instalacións do campo de fútbol municipal da Graña. Para facelo construirase e instalarase unha liña de baixa tensión, unha liña de media tensión aérea e un novo centro de transformación aéreo, que permitirá cubrir a demanda de subministro do campo de fútbol de 110,86 kW. As obras a realizar incluirán ademais a instalación de apoios de formigón, de proteccións ou, entre outros, interruptores térmicos.

E o Concello de Mos destinará os 95.288 euros a garantir á cidadanía unhas instalacións deportivas de calidade e acordes aos usuarios que fan uso delas. Desta maneira, inclúense obras en dous campos de fútbol, xa que no de Alfacuca, en Louredo, construirase un almacén para o material deportivo e no de Costoias, en Tameiga, instalarase unha malla perimetral e procederase ao encolado/pegado de céspede artificial. Ademais, renovaranse os termos de auga quente no campo municipal As Baloutas, en Petelos, e no pavillón de Sanguiñeda, e substituirase a bomba de calefacción e a de subida e baixada de canastra no pavillón Atín, en Cela.