Luis López anuncia o reparto de 60.000 € entre doce clubs deportivos e asociacións no marco da nova liña de axudas para o fomento do turismo deportivo na provincia

As entidades beneficiarias recibirán axudas que oscilan entre os 450 e os 9.000 € para organizar eventos deportivos de diferentes disciplinas nos concellos da Guarda, Baiona, Cangas, Mondariz, Nigrán, Ponteareas, Sanxenxo, Tui e Vigo

22/11/2024

Rolda de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe o reparto de 60.000 euros da nova liña de axudas para o fomento da actividade turística coa dinamización e promoción de eventos deportivos entre doce clubs deportivos e asociacións da provincia. As entidades beneficiarias recibirán axudas que oscilan entre os 450 e os 9.000 € para organizar eventos deportivos de disciplinas como trail, natación, golf, vela, tenis, descenso, fútbol sala ou, entre outras, taekwondo nos concellos da Guarda, Baiona, Cangas, Mondariz, Nigrán Ponteareas, Sanxenxo, Tui e Vigo. Con esta liña de axudas estamos a apoiar “eventos deportivos con proxección mediática exterior, que conxugan deporte e turismo, xa que supoñen un aumento de pernoctacións na provincia e un importante retorno económico”, asegurou o presidente provincial, que lembrou, ademais, o compromiso “de converter á provincia de Pontevedra no grande escaparate de probas deportivas”.

Máis polo miúdo, a Asociación Cultural Rego de Bicosan de Camposancos recibirá 895 € para organizar o I Trail Camposancos ó Solpor, na Guarda; o Monte Real Club de Yates de Baiona 8.366 € para o 49º Trofeo Conde Gondomar; o Sares-TKD Cangas 450 € para o Campionato Galego Promesas e Master; a Asociación Española de Seniors de Golf 2.250 € para o Torneo Nacional de Golf, en Mondariz; a Asociación Asaltamontes Female 5.218 € para o II Trail Feminino de Nigrán, e o Club Natación Ponteareas 3.842 € para a VII Travesía Vila do Tea.

Ademais, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo recibe 7.360 € para o XVI Torneo Internacional e Tenis Cadetes; o Club Serendipia 1.527 € para o I Torneo Internacional Serendipia Futsal, tamén en Sanxenxo; o Club Kayak Tudense 1.675 € para o 13º Descenso Popular do Miño, e, por último a Asociación Sociocultural y Deportiva Sinergias 360 9.000 € para o Desafío Boot Camp 2024, a Asociación Sociocultural y Deportiva La21 9.000 € para a Media maratón de Vigo La21 2024 e o Real Club Náutico de Vigo 9.000 € para a 61ª regata Rías Baixas, todos eles en Vigo.

videos

audios