A Deputación destina 600.000 euros a espallar a música galega e en galego por todos os concellos da provincia, un 16 % máis que o ano pasado

Este luns abre o prazo para que as e os artistas e os grupos poidan inscribirse no catálogo “+Música”, a ferramenta que empregarán os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para solicitar, entre o 1 e o 15 de marzo, actuacións para as súas vilas

03/02/2024

A Deputación de Pontevedra destina este ano 600.000 euros a “+Música”,  o programa que espallará a música galega e en galego por todos os concellos da provincia e que en 2024 incrementou o seu orzamento nun 16 %. A través desta iniciativa, a institución provincial pretende facilitar a programación e a celebración de concertos gratuítos e para todos os públicos nos concellos, así como contribuír ao fomento da cultura da provincia e do galego e promover a reputación de Pontevedra como destino cultural. Este luns, 5 de febreiro, abre o prazo para que as e os artistas e os grupos poidan inscribirse no catálogo do programa, a ferramenta que empregarán os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para solicitar, entre o 1 e o 15 de marzo, actuacións para as súas vilas.

O catálogo “+Música” recollerá información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas, coma o nome artístico, a súa páxina web, un breve currículo, a descrición da súa proposta artística, o caché, as necesidades técnicas e de produción ou as ligazóns ás súas principais redes sociais, entre outras. Configúrase así como un instrumento á disposición dos concellos, que poderán solicitar, entre os grupos inscritos no catálogo, as súas preferencias de actuacións e concertos, os cales deberán celebrarse entre o 1 de maio e o 31 de decembro deste ano.

As e os artistas ou os grupos interesados en inscribirse no catálogo “+Música” terán dez días para presentar as súas solicitudes a través da Sede electrónica da Deputación (sede.depo.gal). Nela deberán incluír unha memoria do espectáculo, na que se describirá este e se acreditará o emprego do galego, como mínimo, no 70 % das obras musicais interpretadas; e se especificarán o repertorio musical, coa autoría ou a orixe das obras e coa duración do espectáculo, e mais a ficha do grupo, que deberá conter unha fotografía do grupo ou artistas, a relación das persoas integrantes do equipo artístico e técnico, e as necesidades técnicas e de produción.