A Deputación mantén aberto ata este venres o prazo para que as ONGD se beneficien das axudas de cooperación ao desenvolvemento
Esta liña de axudas conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de proxectos en países empobrecidos
12/03/2024
A Deputación mantén aberto ata este venres 15 de marzo o prazo para que as ONGD se beneficien das axudas provinciais de cooperación ao desenvolvemento. Esta liña de axudas conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de ata tres proxectos de cooperación en países empobrecidos.
A través desta liña de axudas as ONGD poderán optar a un máximo de 15.000 € para poñer en marcha os seus proxectos. En concreto, deberán ser iniciativas que contribúan á erradicación da pobreza multidimensional, á igualdade de xénero, á defensa da sostibilidade ambiental e loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado en dereitos humanos, ao respecto pola diversidade cultural e a promoción da interculturalidade, á loita contra as desigualdades e á participación cidadá, e ao fortalecemento institucional e da sociedade civil.
Terán prioridade aqueles proxectos desenvolvidos nalgún dos once países considerados xeograficamente estratéxicos da África Subsahariana (Cabo Verde, Guinea-Bissau e Mozambique), América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú) e o Caribe (República Dominicana). Ademais, tamén serán prioritarios aqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias; así como aqueles nos que a cooperación galega demostrase unha ampla experiencia de traballo, ademais dos considerados países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo.
Poden optar a estas axudas da Deputación as ONGD inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta que teñan domicilio social ou delegación permanente na provincia de Pontevedra e que realicen actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre pobos.