A Deputación ten aberto ata o vindeiro luns, 27 de maio, o prazo para solicitar axudas para actividades de dinamización lingüística

Trátanse de dúas liñas de axudas, cun crédito total de 300.000 euros, dirixidas a concellos e entidades culturais

20/05/2024

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro luns, 27 de maio, o prazo para que concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades culturais sen fins de lucro da provincia poidan solicitar axudas para actividades de dinamización da lingua galega. Trátanse de dúas liñas de axudas por concorrencia competitiva cun crédito total de 300.000 euros, 150.000 para cada unha delas. A Deputación financiará ata o 75% do orzamento dos proxectos presentados polos concellos e entidades culturais e, neste último caso, non poderá superar os 3.500 euros.

O obxectivo destas axudas é promover, fomentar e difundir actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social que se desenvolvan durante o ano 2024. Para optar ás axudas, tanto os concellos como as entidades culturais sen fins de lucro, deberán achegar xunto á solicitude unha memoria explicativa dunha actividade concreta.

No marco destas axudas, poden subvencionarse proxectos para o fomento do uso e prestixio da lingua galega, programas de normalización e dinamización lingüística, proxectos de sociolingüística e toponimia, recoñecementos e distincións ou de fomento do emprego do idioma galego a través de actividades de captación de neofalantes, iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria, xornadas, estudos e publicacións sobre lingua, campañas de dinamización, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega ou, entre outras iniciativas, certames literarios.