O Museo de Pontevedra e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos teñen aberto ata o luns o prazo para remitir comunicacións para o Congreso Nacional de Numismática

Ambas as entidades organizan a 17.ª edición desta cita que reúne as e os maiores expertos e profesionais deste ámbito en España

08/04/2024

Cartel do congreso

O Museo de Pontevedra e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos (SIAEN) teñen aberto ata o 15 de abril o prazo para presentar comunicacións no XVII Congreso Nacional de Numismática, que terá lugar en Pontevedra do 12 ao 14 de setembro. As comunicacións serán avaliadas por un comité científico e, tras ser aceptadas, presentaranse dentro do programa do congreso e recolleranse nas actas, cuxa publicación correrá a cargo do Museo Casa de la Moneda de Madrid.

Por outra banda, está tamén aberto o prazo para asistir como oínte ao congreso, o que implica o pago dunha taxa de 30 euros, que será de 40 euros a partir do 1 de xullo. As persoas en situación de desemprego que así o acrediten poderán asistir de maneira gratuíta. A asistencia ao congreso será recoñecida mediante un certificado expedido pola Universidade de Santiago de Compostela e terá o recoñecemento de actividade formativa complementaria no seu programa de doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

Esta edición do Congreso Nacional de Numismática, a primeira desde a de 2018 en Barcelona, está organizada polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos (SIAEN), co patrocinio da Real Casa de la Moneda. Terá como lema “Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento”. Baixo este epígrafe programaranse conferencias, organizaranse mesas de debate e presentaranse estudos sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento.

A programación completarase con actividades didácticas e coa exposición “O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo”, na que se exhibirán pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada pola conservadora do Museo de Pontevedra Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega.  

A 17.ª edición do congreso pretende xerar un espazo de diálogo común entre especialistas e persoas iniciadas, achegarlle a disciplina a quen non a coñece e xerar un compromiso de coparticipación entre aqueles que a manteñen vixente, en aras de crear novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encargarase Antonio Roma Valdés, fiscal, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.

Desde que en 1972 tivo lugar a primeira edición en Zaragoza, o Congreso Nacional de Numismática é o espazo no que se dan a coñecer os últimos achados monetarios e onde se intercambian coñecementos entre todos os axentes implicados neste ámbito: museos, investigadores e coleccionistas.

A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da súa colección numismática. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedad Arqueológica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando a colección ata as arredor de 15.000 pezas coas que conta na actualidade.