A deputada María Ramallo enxalza en Lalín o modelo de Axenda Urbana e Rural da Deputación, “un proxecto de todos, con todos e para todos para que a provincia avance”

22/04/2024

A deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, María Ramallo, acaba de participar no Edificio Polivalente de Lalín na xornada técnica sobre Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra (AUPO) organizada na vila. No encontro, a deputada afondou no traballo que está a liderar a institución provincial para impulsar e desenvolver a AUPO, “un proxecto de todos, con todos e para todos; un proxecto compartido, no que se está a implicar toda a cidadanía para que esta provincia vaia a máis, avance e se converta nun lugar de oportunidades, sostible, resiliente, inclusivo e seguro”. Deste xeito, e para construír “unha provincia adaptada aos grandes retos e desafíos do presente e do futuro”, a deputada remarcou o carácter participativo na toma de decisións, “partindo dunha visión estratéxica e compartindo o coñecemento conxunto”.

Ramallo destacou que o obxectivo da AUPO é “mellorar a calidade de vida das contornas urbanas e rurais, prestándolles especial atención aos desafíos do reto demográfico para cumprir así o noso compromiso co equilibrio territorial”. Asegurou que a AUPO porá o foco nos concellos e, en particular, nos de menos de 20.000 habitantes e recordou iniciativas xa desenvolvidas no marco deste proxecto, coma as mesas comarcais ―unha delas realizada en Lalín coa presenza do presidente Luis López―, entrevistas a pé de rúa, enquisas en liña ou cursos, así como tamén adiantou algunha das iniciativas nas que xa a está a traballar o Goberno provincial, coma concursos dirixidos a centros educativos ou andainas.